AVALIACIÓN DO 15 FESTIVAL DE CINE INTERNACIONAL DE OURENSE

19 / 10 / 2010

Isabel Pérez, presidenta do Consorcio para o Festival de Cine, e Enrique Nicanor, director do Festival, avaliaron esta mañá, en rolda de prensa, a decimoquinta edición do certame, onde foi presentada a IX edición dos Premios Mestre Mateo, facendo un balance positivo do mesmo en termos de impacto na cidade e de punto de encontro da industria audiovisual.

A presidenta do Consorcio quixo destacar «a importante participación do audiovisual galego, constante en toda a edición, e en particular a presentación de 18 Comidas co orgullo de ter a Luís Tosar, quen tivo unha implicación directa co Festival». Igualmente, «a presentación da gala dos Mestre Mateo, que reunirá en Ourense a todos os que teñan algo que dicir no audiovisual galego», así coma a das películas A Esmorga e Anos Despois, dirixida pola neta de Carlos Velo, Laura Gardos, «o que confirma a continuidade do cine galego», en palabras de Isabel Pérez.

Enrique Nicanor, pola súa banda, salientou o símbolo da unión de todas as institucións galegas ao redor da tarta dos quince anos, e reivindicou, unha vez máis, «Ourense como punto de encontro e de desenvolvemento da industria cinematográfica galega». Sacou peito no referente ao equilibrio que supón un festival de cine «perante a oferta televisiva, preto de 15.000 películas ao ano, de dubidosa calidade», así como pola importancia de ter acollido no Festival ás dúas institucións máis importantes na Unión Europea: Media e Cine Regio. Respondendo a preguntas dos xornalistas, Nicanor relativizou o recorte de axudas das institucións públicas argumentando que «o novo escenario é a optimización desas axudas onde haxa forma de multiplicar recursos, como é o caso do Festival de Cine, que serve de plataforma para a industria».

Tanto Isabel Pérez coma Enrique Nicanor apostaron, para finalizar o acto, por seguir traballando para a posta en valor do Festival de Cine na cidade de Ourense.

Etiquetas: