AS ENTRADAS PARA O FESTIVAL DE CANS PÓÑENSE Á VENDA EN INTERNET

10 / 05 / 2010

O Festival de Cans, que terá lugar do 19 ao 22 de maio en Cans (O Porriño), pon á venda a semana que vén as 600 entradas que dan acceso ás salas nas que se proxectan o sábado 22 de maio as curtametraxes a concurso. 150 entradas poderanse reservar desde o luns pola mañá na web do festival en packs de entrada + camiseta, e as 450 restantes o venres 14 ás 20.00 horas no Local Social situado no torreiro de Cans.  As entradas dan acceso ás salas nas que se proxectan as curtas de ficción e de animación da selección oficial.

Entradas á venda

O luns 10 de maio poranse á venda na web festivaldecans.com 150 packs de entrada + camiseta, ao prezo de 15 euros cada pack. Cada persoa poderá reservar un máximo de dous packs. Recolleranse o sábado 22 de maio entre as 11.00 e as 15.00 horas no punto de información do festival, situado no torreiro de Cans. As que non se recollan nese horario, poranse á venda no mesmo punto a partir das 15.30 horas. Para recoller as entradas é necesario presentar o documento de identidade.

As outras 450 entradas sairán á venda o venres 14 de maio ás 20.00 horas no Local Social do torreiro de Cans. O prezo é de 7 euros por entrada, e cada persoa só poderá adquirir dúas como máximo. Non se admiten reservas para estas entradas.

Os hoteis do Porriño achéganse ao cheo

A dúas semanas da celebración do Festival de Cans, a espectación déixase notar no número de reservas que se están a realizar nos hoteis e hostais do Porriño. Os niveis de ocupación son moi altos, con establecementos que nestes momentos chegan e incluso superan o 80% de ocupación. A previsión é que durante o festival os hoteis e hostais da vila colguen o cartel de completos. A Asociación Cultural Arela, organizadora do festival, recomenda aos interesados en aloxarse no Porriño eses días que fagan as súas reservas con antelación.

As fotos da presentación do festival deste 2010, e das edicións anteriores, están en flickr: http://www.flickr.com/photos/festivaldecans/

Categoría: Noticias
Etiquetas: