APRENDER DANZA E CALIGRAFÍA ÁRABES É DOADO CO FESTIVAL AMAL

13 / 09 / 2012

A décima edición do Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal contará de novo cos Obradoiros Amal. O obxectivo é difundir distintas vertentes da cultura árabe. Por iso, Amal organiza dous cursos moi divertidos e que tiveron un gran éxito en anteriores ocasións. Un de danza oriental e outro de caligrafía árabe.

O obradoiro de danza terá lugar o sábado 13 de outubro de 11.00 a 13.00 no Hotel Eurostars Araguaney. Estará impartido pola profesora e bailarina de danza oriental Martha Franco, diretora do CENTRO GAIRA en Santiago de Compostela. É un obradoiro de iniciación, onde se farán exercicios para descubrir o manexo do peso corporal e o equilibrio, así coma un encontro coa tensión e a relaxación corporal en movemento. Poderán apuntarse todas as persoas maiores de idade e de balde.

O obradoiro de caligrafía árabe terá lugar tamén o sábado 13 de outubro de 16.00 a 19.00 horas. Estará impartido polo arqueólogo sirio e especialista en caligrafía árabe, Ihab Al Oumani. Comprenderá unha parte teórica e outra práctica: corto do Qalam, preparación das tintas e do papel…

Para inscribirse en ambos obradoiros, os interesados deberán descargarse o formulario na web do Festival (www.festivalamal.es) e entregalo cuberto antes do 8 de Outubro na sede da Fundación Araguaney (Montero Ríos, 25-27). Para o obradoiro de caligrafía haberá que abonar a cantidade de 30 euros e terá un límite de 20 prazas.

Categoría: Noticias
Etiquetas: