ANDRÉS BARBÉ, DE FORMATO PRODUCIÓNS, RELEVA A ANTÓN REIXA COMO PRESIDENTE DO CLÚSTER AUDIOVISUAL GALEGO
Andrés Barbé, de Formato Producións, foi elixido, por unanimidade, novo presidente do Clúster Audiovisual Galego, en substitución do tamén produtor Antón Reixa, durante a Asemblea Xeral Extraordinaria do organismo celebrada o 21 de decembro, en Santiago. A substitución prodúcese despois de que o CLAG lograse superar algúns problemas económicos.
O Clúster Audiovisual Galego (CLAG) ten novo presidente. Onte, nunha Asemblea Xeral Extraordinaria, foi elixido para ese cargo Andrés Barbé, o presidente do produtora Formato Producións. O nomeamento prodúcese tras a renuncia do presidente saínte, Antón Reixa, quen dirixiu esta institución desde o ano 2005, e ao que aínda lle faltaban dez meses para esgotar o seu mandato, tras ser reelixido como máximo dirixente do Clúster en 2008. No acto, Reixa agradeceu a colaboración prestada por Andrés Barbé nestes últimos meses e desexou «longa vida ao Clúster». Pola súa banda, Barbé, durante a súa primeira intervención como máximo responsable do CLAG, un cargo que ocupará durante o próximos tres anos, agradeceu a confianza depositada nel polo resto de asociados e dixo asumir este mandato con «esperanza». Tamén adiantou a súa aposta polo Clúster como «un club de negocios» e pola viabilidade de «un proxecto no que cremos todos desde hai anos». Así mesmo, manifestou o seu interese en contar coa colaboración de todos os socios, aos que animou a presentar as súas propostas para enriquecer a actividade do Clúster.
Na Asemblea Xeral Extraordinaria de onte tamén se ratificou, por unanimidade, á nova Xunta Directiva do CLAG, que estará integrada por tres vicepresidentes (Celestino Hermida, director-xerente de Area 5.1 Factoría Audiovisual, Carlos Carballo, director de Voz Audiovisual, e Inmaculada Castaño, delegada de Filmax en Galicia); por un tesoureiro (Orestes García, director xeral de Arantia 2010); e por unha secretaria (Mar Varela, xerente do CLAG). Completarán a nova Xunta Directiva oito vocais, en representación das áreas de Mercadotecnia e Internacionalización, Desenvolvemento Tecnolóxico, I+D+I e Contidos. O presidente de Filmax, Julio Fernández, continuará como presidente honorífico do Clúster. O cambio na presidencia do CLAG, que foi creado en febreiro de 2003, e que conta na actualidade con 47 empresas do sector audiovisual galego asociadas, prodúcese despois de que o organismo lograse superar os problemas económicos sufridos durante os últimos meses. Na actualidade, este ente dispón dun plan de viabilidade a cinco anos, que garante a continuidade do proxecto.