AMPLA REPRESENTACIÓN GALEGA NOS 29 PREMIOS GOYA

19 / 01 / 2015

O cine galego ten calidade/está de moda, ou iso se deduce tras coñecer as últimas nominacións dos Premios Goya 2015.

O 7 de febreiro no Centro de Congresos Príncipe Felipe haberá unha gran representación de compañeiros e profesionais galegos candidatos a levarse unha estatuíña na 29 gala de entrega dos Premios Goya.

A segunda película con máis candidaturas (aparece o seu título ata en 16 categorías) é “El niño”, coproducida por Vaca Films e no que cabe destacar o nomeamento de Raquel Fidalgo e Noé Montes xunto a David Martí na categoría de Maquillaxe e Perruquería.

“A tropa de trapo na selva do arco da vella” coproducida entre outras por Abano Producións e Continental Producciones é finalista á mellor Longametraxe de Animación, catro anos despois da súa predecesora “A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol” que finalmente non se levou o prezado galardón.

Nos finalistas en formato curto de animación atopámonos “Sangre de unicornio”, escrito e dirixido por Alberto Vázquez, que venceu nos Goya 2012 coa curtametraxe de animación “Birdboy”. “Sangre de unicornio” percorreu o mundo a través das seleccións en festivais, entre os que destacan os seus premios no San Francisco Shorts ou o Méliès d´Argent Fancine no Festival de Cine Fantástico da Universidade de Málaga, ou as súas seleccións nas seccións oficiais a competición en Clermont-Ferrand e en Annecy, entre outras.

Ignacio Vilar e Carlos Asorey son finalistas nesta edición dos Premios Goya polo guión adaptado do filme “A esmorga”, facendo historia ao converterse na primeira longametraxe rodada en galego que consigue ser finalista nestes galardóns. Baseada na famosa novela de Blanco Amor, a produción continua en carteleira case dous meses despois da súa estrea.

Pero o audiovisual galego tamén está representado nas categorías de interpretación grazas as candidaturas de Javier Gutiérrez (mellor interpretación masculina protagonista) e Nerea Barros (mellor actriz revelación) por “La isla mínima”.

Xa por último, salientar tamén a candidatura á mellor documental e mellor película de “Paco de Lucía: la búsqueda”, producido por Anxo Rodríguez.

Categoría: Análise
Etiquetas: