OS ALUMNOS DE INTERPRETACIÓN E GUIÓN DE VOZ AUDIOVISUAL GRAVAN O SEU PROXECTO FIN DE CURSO

15 / 06 / 2012

Os cursos de Interpretación e Guión da Escola de Ficción de Voz Audiovisual encaran a súa recta final, coa gravación dos proxectos fin de curso dos alumnos.

Durante estes días, os compoñentes desta primeira edición ultiman o material co que se realizará o seu videobook, un elemento esencial para o traballo do actor e que lle servirá como carta de presentación nos castings que realicen no futuro. Secuencias dramáticas e cómicas, monólogos, así como presentacións de programas de televisión de tódolos xéneros son algúns dos elementos que conterá o traballo.

Para a gravación deste proxecto, Voz Audiovisual puxo a disposición do alumnado aos profesionais máis experimentados do audiovisual galego. Así, os propios operadores de cámara, técnicos de son ou directores de fotografía, estilistas, decoradores e produtores das series da compañía, Padre Casares  e Matalobos, están colaborando para que o traballo dos alumnos sexa un éxito e se reproduza o máis fielmente posible a gravación dunha serie de televisión de alta calidade.

Ao longo destes cinco meses de curso, os alumnos traballaron con algúns dos máis prestixiosos profesionais do audiovisual galego, que lles transmitiron todos os seus coñecementos dende a práctica. E é que o obxectivo da Escola de Ficción de Voz Audiovisual é que, unha vez completado o programa do curso, os participantes estean absolutamente preparados para incorporarse de inmediato ao mundo laboral.  Boa proba disto é que algúns dos integrantes desta primeira promoción xa participaron, a distintos niveles, nalgunha das produccións que Voz Audiovisual realizou durante os últimos meses.

Voz Audiovisual abriu xa o prazo de inscrición para a segunda promoción dos cursos da súa Escola de Ficción, que darán comezo o próximo mes de setembro. A escola seleccionará neste proceso a un total de 20 alumnos por cada unha das tres especialidades de que se compón: Guión, Interpretación, e Cámara e Realización; os cales participarán nesta segunda edición, cuxo programa e características pódense consultar xa en www.vozaudiovisual.com ou chamando ao teléfono 981 180 100.

Categoría: Noticias
Etiquetas: