AGAPI SOLICITA Á TELEVISIÓN DE GALICIA UNHA DISTRIBUCIÓN CUANTITATIVA EQUILIBRADA, EN APLICACIÓN DO PREVISTO NO PLAN DE APOIO AO CINE GALEGO

18 / 07 / 2008

AGAPI solicita á Televisión de Galicia unha distribución cuantitativa equilibrada, acorde co espíritu da Lei 25/1994 e coa realidade da produción audiovisual galega, en apoio do sector cinematográfico e en aplicación do previsto no Plan de Apoio e Potenciación da Produción Cinematográfica Galega.
AGAPI valorou moi positivamente no seu día a aprobación polo Goberno Galego do Plan de apoio e potenciación da produción cinematográfica galega 2008-2010, entendendo que este esforzo inversor representaba unha importante inxección económica para o sector audiovisual.

Sen embargo, en relación ó documento de desenvolvemento de dito Plan presentado pola Televisión de Galicia, AGAPI quere manifestar o seguinte, no relativo ó cumprimento da normativa do 5% e a distribución cuantitativa de dito documento:

1.- Tendo en conta os Antecedentes recollidos no documento de TVG, AGAPI reitera que resulta imprescindible unha cobertura normativa autonómica que regulamente a obriga de investimento do 5% por parte dos operadores de televisión consonte ó previsto na Lei 25/1994.

Neste senso, AGAPI segue considerando prioritario este obxectivo e lembra que esta obriga vai ineludiblemente unida ós orzamentos propios anuais da Televisión de Galicia (Art. 5.1. Paragrafo 2 Lei 25/1994).

2.- A aprobación extraordinaria polo Goberno Galego do referido Plan responde, como o seu propio nome indica, á necesidade de apoiar e potenciar o sector da produción cinematográfica.

Lonxe deste obxectivo, as liñas de financiamento que se aplicarán pola Televisión de Galicia en desenvolvemento do Plan establecen un reparto do investimento desequilibrado no que se potencia o xénero dos telefilmes, (para o período 2008-2010, o investimento total en longametraxes é de 3.000.000 ¤, ascendendo a 7.240.000 ¤ no caso dos telefilmes).

En ningún caso a TVG pode abandoar a aposta pola produción de longametraxes cinematográficas1; o contrario implicaría desmantelar en Galicia o sector da produción audiovisual en xeral; non só a nivel de creación de talento e formación de equipos técnicos e artísticos, tamén no relativo as vendas e presencia exterior do sector audiovisual galego.

3.- Incidimos na necesidade de apoiar con este Plan ó sector da animación, referente internacional da produción cinematográfica galega e non contemplado neste documento presentado por Televisión de Galicia.

4.- A partida documentais, desenvolvemento e varios (ano 2008) adolece de indefinición; sendo presiso un desglose considerando desproporcionada a súa dotación(1.440.000 ¤), tendo en conta a contratación xa prevista por TVG de documentais para o ano 2008.

5.- Resulta fundamental o establecemento dunha política coordenada de participación financeira e de coprodución entre a TVG e a convocatoria anual de axudas da Xunta de Galicia; coordenación que garanta o éxito dun proxecto na súa fase máis crítica de procura de financiamento (sendo preciso tamén acompasar os prazos de presentación de proxectos na TVG e as datas das
convocatorias de axudas).

Dende AGAPI solicitámoslle pois a Televisión de Galicia unha distribución cuantitativa equilibrada, acorde co espíritu da Lei 25/1994 e coa realidade da produción audiovisual galega, en apoio do sector cinematográfico e en aplicación do previsto no Plan de Apoio e Potenciación da Produción inematográfica Galega.

Categoría: Noticias
Etiquetas: