AG ENTREVISTA A FERNANDO TEJERO CON MOTIVO DA ESTREA DO SEU ÚLTIMO FILME RODADO EN GALICIA

6 / 04 / 2009

Esta semana sae á rúa o oitavo número da revista trimestral AG (Audiovisual Galego), unha publicación que leva xa dous anos informando de todo o que acontece nun dos sectores en maior expansión do panorama galego. Así se pode comprobar nesta nova edición na que ocupa un papel destacado a estrea de dúas películas nas que Galicia está moi presente: Os mortos van apresa e Al final del Camino. 

Esta última, que se estrea o día 8 en todo o Estado, foi rodada case integramente en Galicia o pasado verán e conta con actores galegos no reparto como Javier Gutiérrez, recentemente galardoado co Premio Max ao Mellor Actor Teatral. AG falou co protagonista do filme, Fernando Tejero, sobre a película e sobre a situación do cine en xeral.  

A estrea de Os mortos van apresa, filme cen por cen galego, centra tamén este número da revista, no que o seu director, Ángel de la Cruz, se incorpora como membro do comité de redacción. O multipremiado realizador fará unha sección fixa na que dará a coñecer os oficios menos publicitados do cinema. Neste número fala sobre os axudantes de dirección e entrevista a Tania Rodríguez.  

Outra novidade deste número é a incorporación dunha sección na que se ofrecerán dúas visións sobre un mesmo tema. Neste caso os premios Oscar, sobre os que falan os críticos cinematográficos Jaime Pena e José Luis Losa. Este último realiza tamén un interesante estudo sobre cine e eleccións no que explica como se tratou a cuestión en diversas cinematografías e momentos.  

As “tonechas cara a cara 

Na sección cara a cara AG enfronta neste número a dúas grandes actrices da escena galega: Dorotea Bárcena e Mariana Carballal. Ambas as dúas se fixeron moi coñecidas entre o público polos seus papeis nas pezas cómicas dos Tonechos. As actrices, cuxas vidas transcorreron moi paralelas aínda que en dúas xeracións moi diferentes, nos contan como foi e como é ser actriz en Galicia.  

A revista complétase coas seccións habituais adicadas ás curtas, ás novas de actualidade, formación, fotografía, cineclubismo, reportaxes e as colaboracións de destacadas personalidades do sector audiovisual e cultural galegos, como Héctor Paz, José Luis Castro de Paz, Martin Pawley, David Rubín,  Xosé Enrique Acuña ou José Manuel Sande.

Categoría: Noticias
Etiquetas: