A Semana do Audiovisual Galego comeza hoxe o seu percorrido polas catro provincias galegas, cun programa de proxeccións que abrangue 27 localidades e 60 pases nos que achegará máis de 20 producións audiovisuais galegas á sociedade.

Este circuíto, organizado pola Academia Galega do Audiovisual co obxectivo de difundir e promocionar os traballos finalistas aos Premios Mestre Mateo 2009, percorrerá dende  hoxe e ata o domingo 11 de abril un total de 30 salas nas que se poderán ver obras finalistas das categorías de longametraxe, documental, curtamentraxe de animación e ficción, longametraxe documental, película para televisión e obras experimentais.

O Centro Sociocultural do Castiñeiriño de Santiago de Compostela abrirá hoxe o circuito de proxeccións a partir das 20.30 horas coa curtamentraxe de animación ‘Nouturnio de Celanova’ e coa longametraxe documental ‘Señora de’. As proxeccións continúan na provincia de A Coruña o martes 6 de abril na Sala Azul do Edificio Liceo de Betanzos, na que se proxectará a curta de animación ‘O Coidador de gatos’ e o documental ‘O segredo da frouxeira’ a partir das 20.00 horas. En Arteixo a cita é no Auditorio do Centro Cívico Cultural a partir das 19.30 horas coa curtamentraxe de ficción  ‘O Elixido’ e co documental ‘A mirada de Anna’.

As obras galegas proxectaranse en Verín, Ourense, Melide, Lalín, Cariño, Monforte de Lemos, Arteixo, Valga, Redondela, Chantada, Teo, Neda, Valdoviño, Castrelo de Miño, Carral, Celanova, Ribadabia, Ares, Negreira, Lugo, O Rosal, A Fonsagrada, Meis, San Sadurniño e Xinzo de Limia. A programación de cada xornada pode consultarse na web da academia, no apartado de Premios Mestre Mateo 09.

Esta actividade está patrocinada pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Medios, a Consellería de Cultura e Turismo (Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura) e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Conta coa colaboración de Cinemas Dixitais.

A Semana do Audiovisual Galego naceu como unha  actividade para complementar e consolidar os galardóns máis importantes do sector no país e a súa divulgación na sociedade galega. O circuíto celébrase ao longo de toda a semana previa á Gala, que terá lugar o xoves 15 de abril no Pazo da Cultura de Narón.

Encontros Premios Mestre Mateo

Ademais da Semana do Audiovisual Galego, a Academia Galega do Audiovisual organiza a actividade ‘Encontros Premios Mestre Mateo’ do 6 ao 8 de abril, tamén nos días previos á Gala que terá lugar en Narón. Santiago de Compostela e Lugo serán as primeiras localidades galegas en acoller estas xuntanzas que buscan que os profesionais da industria audiovisual acheguen aos alumnos das escolas vinculadas a este sector as súas experiencias directas.

Así, as primeiras mesas redondas desta edición de Encontros – que se celebran mañá na Fundación Tic de Lugo e no Raio Verde de Santiago de Compostela- tratarán sobre as curtametraxes de ficción e sobre a dirección de produción, cuestións sobre as que falarán Chema Gagino, da curtametraxe de ficción “O Elixido”; Iván Seoane, da curtametraxe de ficción “O Noveno Principio”; Daniel de la Torre e Tony Veiga da curtametraxe de ficción “ X Nada”; e Raul García da curtametraxe de ficción “Nouturnio de Celanova”.

Como convidados na mesa de dirección de producción estarán Alfonso Blanco, Paula Fernández, Ana Míguez, da serie de televisión “Padre Casares”; e Xabier Eirís, do programa para televisión “A Caixa negra”.

O IES Farixa de Ourense e o IES Escola de Imaxe e Son da Coruña acollerán os seguintes Encontros, programados para os días 7 e 8 de abril, nos que tamén se tratarán cuestións como a Realización e o Guión. O programa completo dos Encontros Premios Mestre Mateo tamén está dispoñible no apartado de Premios Mestre Mateo 09, da web da Academia Galega do Audiovisual.

Esta actividade conta tamén co patrocinio da AGADIC, da Secretaría Xeral de Medios e da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Xunta de Galicia, e terá lugar nas sedes dos centros colaboradores: Fundación TIC de Lugo, O Raio Verde de Santiago de Compostela, IES Farixa en Ourense e IES Escola de Imaxe e Son da Coruña.