A REVISTA VARIETY RECOLLE O FONDO DE COPRODUCIÓN GALICIA-BRASIL NA SÚA VERSIÓN ONLINE DO MES DE XUÑO

29 / 06 / 2009

O pasado 23 de xuño, os 3,5 millóns de usuarios mensuais de variety.com puideron coñecer as novas producións galego-brasileiras beneficiadas do Fondo de Coprodución Galicia-Brasil e as súas características (http://www.variety.com/article/VR1118005278.html?categoryid=1446&cs=1). A nova supón un importante salto cualitativo por canto coloca ao sector audiovisual galego na órbita dos 223 países de cinco continentes que seguen as páxinas da publicación de referencia audiovisual en todo o mundo.

Cómpre considerar que nunha recente enquisa realizada por este prestixioso medio entre os seus lectores, o 60% dos mesmos están vinculados ao eido do audiovisual profesional (entretemento ou medios de comunicación), o 42% son altos directivos e un 62% son responsables en toma de decisións que afectan a proxectos como os promovidos entre Galicia e Brasil.

Ademais, o 70% dos usuarios de variety.com considérana unha ferramenta fundamental para a súa actividade profesional. De feito, Variety coñécese como a Biblia do show business desde que comezou a editarse en 1903 en Hollywood, o corazón da industria norteamericana do cine.

Por outra banda, de luns a venres, o newsletter Variety Intenational fai chegar cada día ao enderezos electrónicos des seus máis de 26.000 subscritores un resumo das últimas novas sobre Europa, Asia e América (fóra dos EE.UU.) publicadas en variety.com.

Novas deste tipo nestes medios internacionais reforzan unha das liñas de actuación do Consorcio Audiovisual de Galicia en canto a apostar pola internacionalización e presenza exterior de Galicia e do seu audiovisual nos medios de comunicación especializados de maior relevancia.

Desde a posta en marcha do Plan de Internacionalización do audiovisual galego por parte do Consorcio Audiovisual de Galicia, tamén se aposta pola presenza do produto galego en medios internacionais. Nese sentido, e como ven sendo costume, na próxima edición do Festival Internacional de Cine de Donostia, o Consorcio ten previsto acordar a edición dun especial sobre a industria audiovisual galega.

O Fondo de Coprodución Galicia-Brasil naceu en San Paulo no 2007 e xa leva dúas edicións e catro proxectos beneficiados: O sexo dos anxos de Continental Producciones S.L. e de CCFBR Produçoes Audiovisuais LTDA; Entre a dor e a nada, das produtoras MPC & Asociados, Ficción Producciones, S.L. e Filmes do Tejo; Onde está a felicidade? de Pulsar Produçoes Artísticas e Culturais LTDA e Filmanova Invest, S.L. e Brasil somos nós, de Keltia Produccións, S.L. e Bossa Nova Films Criaçoes e Produçoes, LTDA.

Categoría: Noticias
Etiquetas: