A PLATAFORMA TECNOLÓXICA I+DEA INICIA OS SEUS PROXECTOS SOBRE INTERACTIVIDADE AUDIOVISUAL

10 / 09 / 2008

A Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega I+dea, liderada polo Cluster Audiovisual Galego e financiada pola Dirección Xeral de I+D+i, iniciou onte o plan de acción do grupo de traballo de ‘formatos e contidos audiovisuais interactivos’, cunha xuntanza celebrada no Clube Internacional de Prensa en Santiago.
Forman parte deste grupo as empresas Adivina Producciones, Área 5.1 Factoría Audiovisual, CRTVG, Congo Producciones, Continental Producciones, Dyr Producciones, Filmanova, Galicia Media, Grupo Femxa, Imaxina, Interacción, Loroestudio, Voz Audiovisual, Netex, N-Video, O Raio Verde, Pórtico de Comunicaciones, Producciones Vigo, R e Tecnocom.

Asemade, son membros do grupo distintos equipos de investigación das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo; e institucións como a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta; a Fundación TIC e a Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías da Información e da Comunicación, AGESTIC.

Este grupo de traballo foi creado no seo da Plataforma I+dea co obxectivo de identificar oportunidades tecnolóxicas e de negocio para a industria audiovisual galega que aproveiten as capacidades de innovación dos novos medios de comunicación dixital e desenvolver solucións globais de interactividade. Na súa primeira reunión, os integrantes determinaron as prioridades estratéxicas do grupo de traballo e os proxectos e liñas de actuación para os próximos meses.

A dinámica establecida por I+dea, a través de cinco grupos de traballo especializados, vai permitir ás empresas do sector audiovisual galego desenvolver proxectos consorciados no ámbito das novas tecnoloxías de comunicación audiovisual, facendo posible que a nosa industria participe en primeira liña e se beneficie das novas oportunidades de negocio que ofrecen os novos hábitos de lecer e de consumo multimedia que permiten as novas info-estruturas de comunicación.

Aprendizaxe virtual

O pasado venres día 5 tivo lugar a primeira reunión do grupo de traballo de ‘virtual learning’ de I+dea, no que están integradas algunhas das máis relevantes institucións e empresas galegas vinculadas á difusión do coñecemento e á aprendizaxe interactiva a través das novas tecnoloxías multimedia. A reunión, que foi celebrada en Oleiros (A Coruña), serviu para determinar as prioridades estratéxicas, proxectos, liñas de actuación e metodoloxía deste grupo de traballo.

O grupo de virtual learning está formado polo Centro de Supercomputación de Galicia; Filmanova; o Grupo Femxa; IB Cinema; Netex; Tecnocom; os grupos de Investigación de Sistemas Intelixentes e de Tecnoloxía Educativa da Universidade de Santiago de Compostela; e o Grupo de Enxeñería de Sistemas Telemáticos e o Laboratorio de Televisión Dixital Interactiva da Universidade de Vigo.

Este grupo de traballo foi creado dentro da Plataforma I+dea coa finalidade de avaliar a creación e adaptación de contidos e-learning no campo da Tv dixital interactiva (TDT, IPTV, TV móbil), así como de desenvolver tecnoloxías e modelos de xestión innovadores para a aprendizaxe virtual.

A estas reunións están invitados os representantes das plataformas tecnolóxicas das TIC, VINDEIRA, e do Produto Gráfico e Libro Galego, ao abeiro da colaboración impulsada por NEURONA (Rede de Plataformas Tecnolóxicas Galegas).

Categoría: Noticias
Etiquetas: