A PLATAFORMA I+dea ANALIZA AS AXUDAS PÚBLICAS PARA INNOVACIÓN AUDIOVISUAL EN 2009

2 / 01 / 2009

A secretaría técnica da Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega, i+dea, que ostenta o CLAG, reuníu hoxe en Santiago a responsables dos programas de axudas á I+D+i das Administracións autonómica e central, nun acto orientado a que os membros da plataforma coñezan na súa totalidade a convocatoria de axudas no marco da innovación para este ano 2009.
Na sesión, presidida polo director xeral de I+D+i, Salustiano Mato, e o presidente da plataforma, Antón Reixa, participaron representantes da Consellería de Innovación e Industria e dos ministerios de Industria e Ciencia e Innovación.

Salustiano Mato, que chamou a atención sobre a relevancia que cobra a innovación nos momentos de crise, sinalou na presentación do acto que o Plan INCITE mellora na convocatoria deste ano, tanto no seu presuposto, como nas modalidades previstas, con programas específicos para o desenvolvemento tecnolóxico da industria audiovisual. A finalidade na presente convocatoria é, segundo explicou, atender o maior número posible de proxectos viables, para maximizar os resultados do programa, que cualificou como “fiestras de oportunidade”. Pola súa banda, Antón Reixa, incidíu tamén sobre o carácter determinante da innovación empresarial na actual coxuntura de crise, considerándoa “un valor estratéxico como factor de competencia”. Amais, o presidente da Plataforma i+dea, apuntou a necesidade de reformular “os sistemas tradicionais de produción e explotación de contidos” e aludíu á industria audiovisual galega como “sobrada de talento creativo e cun incansable espírito emprendedor”. Estas circunstancias fan posible que a plataforma lidere o cambio do sector audiovisual ao contexto dixital “da man de fabricantes de hardware, profesionais do sector TIC, operadores de telecomunicacións e investigadores”.

Crear unha sólida industria de contidos dixitais en Galicia
Tendo en conta o perfil da industria audiovisual galega, a adaptación ao contexto dixital é importante, sobretodo, tal e como suliñou Reixa, para as pequenas e medianas empresas galegas de contidos, polo que tendo en conta a súa dimensión, é preciso apostar por proxectos en cooperación para conseguir en Galicia “unha industria de contidos dixitais sólida e cunha clara ambición internacional”. Ante ese escenario, o presidente de i+dea pedíu que a Administración manteña o seu apoio ao sector, que debe ser recoñecido como un dos principais axentes para o fortalecemento da Sociedade da Información.

Para desgranar todas as oportunidades de apoio que as Administracións públicas ofrecen ao sector audiovisual na convocatoria de 2009, interviron como relatores Luis Anido e Ramón Yáñez, en calidade de xestores do Plan Galego de I+D+i (in.ci.te), que centraron a súa intervención no Plan INCITE; Jesús Cañadas, en representación do Ministerio de Industria, que describíu a nova fase do Plan AVANZA; e Luis Maeso, do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, que amosou as liñas principais de axudas do CDTI.

O Plan INCITE, da Xunta de Galicia, conta este ano con programas sectoriais diferenciados para pequenas e medianas empresas, baixo a denominación ‘Peme I+D’; e para grandes empresas, denominado ‘I+D Suma’; amais de Fomento da Innovación Empresarial. En particular, segundo explicaron os seus responsables, as axudas para o audiovisual enmarcanse dentro das tecnoloxías das TICs, oscilando a porcentaxe de subvención entre o 25% e o 70%, en función da tipoloxía da empresa e do proxecto.

Jesús Cañadas, na súa condición de representante do Ministerio de Industria, aportou a súa visión do sector audiovisual galego, que vive, na súa opinión, un momento de despegue e aludíu ao CLAG como “un dos máis desenvolvidos a nivel nacional”. Considera que a industria audiovisual galega se caracteriza por unha gran capacidade técnica, facéndose necesario “combinar esforzos”.

Precisamente, co obxectivo de fomentar a colaboración, anunciou que o Plan AVANZA prima a cooperación e, expresamente, trata de fomentar iniciativas innovadoras en contidos dixitais. Coincidindo co presidente da plataforma, Jesús Cañadas tamén considera que a visión estratéxica do sector a corto e medio prazo “está na área dos contidos dixitais, onde se vai producir o gran crecemento, operando como gran tractor de todas as aplicacións e tecnoloxías a desenvolver”. O prazo de solicitudes de axudas AVANZA para o área de ‘Contidos dixitais’ abrirase a primeiros do mes de marzo.

A sesión informativa rematou coa exposición das liñas mestras que desenvolve o CDTI, dependente do Ministerio de Innovación e Industria. Neste caso, segundo apuntou Luis Maeso, as liñas de axudas están permanentemente abertas, non suxeitas a convocatorias anuais, e están dirixidas a subvencionar, de forma diferenciada, proxectos individuais e en cooperación, no eido da I+D, amais de contar coa liña NEOTEC, para empresas xoves de base tecnolóxica. As axudas oscilan entre o 25% e o 70%, establecendo unha prima para proxectos en colaboración.

En 2008, o CDTI apoiou un total de 21 proxectos en Galicia, dos que seis eran do sector das TICs, tal e como resumíu Maeso, quen se lamenta de que “aínda hai pouca tradición de traballar en cooperación”. E precisamente nese espírito colaborativo é donde se atopa unha das principais razóns de ser da Plataforma i+dea, que á luz da información obtida na sesión de hoxe diseñará os seus próximos proxectos.

Á xornada asistiron preto de medio cento de representantes das entidades integrantes da Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega e empresas galegas do sector TIC e audiovisual que sairon satisfeitos valorando moi positivamente a xornada que brindou nunha mesma sesión a posibilidade de obter toda a información das axudas administrativas a nivel autonómico e nacional para o sector audiovisual.

Categoría: Noticias
Etiquetas: