O proxecto explora as posibilidades da realidade aumentada aplicada ás películas. A empresa A Navalla Suíza proclamouse vencedora do certame “Content 360” de contidos dixitais, celebrados onte 14 de abril no marco do MIPTV -o máis importante mercado de televisión do mundo, celebrado en Cannes- na categoría de Next Generation Online Video Experience. Impúxose ás outras dúas finalistas, unha compañía londinense e outra dos Estados Unidos, no pitching final diante do xurado.

 

O premio consiste nun contrato de desenvolvemento da aplicación, financiado con 12.000 euros polo National Film Board de Canadá, a institución cinematográfica máis importante daquel país.

 

O proxecto seleccionado polo National Film Board traslada a realidade aumentada ao cinema canadense e permite que os usuarios recoñezan os lugares onde se filmaron diversas películas apuntando co seu teléfono móbil ao espazo que os arrodea. Ademais, inclúe unha actividade social importante, pois os usuarios e usuarias poden xogar cos filmes e mesmo engadir contido.

 

Dous dos socios da Navalla Suíza, Xabier Cid e María Yáñez, foron quen defenderon o proxecto e recolleron o premio na cerimonia Zapping Show, que entregou os galardóns nas 6 categorías do certame ʻContent 360ºʼ, nas que había un total de 24 finalistas de todo o mundo.