A GALA DOS PREMIOS MESTRE MATEO PROMETE ESPECTÁCULO E INNOVACIÓN

2 / 04 / 2011

O presidente da Academia Galega do Audiovisual, Xosé Manuel Olveira ‘Pico’, presentou esta mañá en rolda de prensa, no Auditorio Municipal de Ourense, a gala da IX edición dos Premios Mestre Mateo, que terá lugar o vindeiro 17 de abril no mesmo escenario da capital ourensá. Tamén fixo a presentación do programa Encontros, que como cada ano achegará a profesionais do sector audiovisual a varias escolas de comunicación galegas, e deu a coñecer os gañadores do Premio Revelación Chano Piñeiro e do Premio de Honra Fernando Rey, que este ano serán para Óliver Laxe e en Luis Tosar, respectivamente.

Xunto a Xosé Manuel Olveira ‘Pico’ estivo o actor Xosé Antón Touriñán, que será o encargado, por segunda vez consecutiva, de presentar e dinamizar a gala de entrega dos premios. Pero non o fará só. Nesta edición de 2011, Touriñán estará acompañado sobre o escenario pola xornalista Belén Regueira, gañadora dun Premio Mestre Mateo 2008 á mellor comunicadora de televisión por O país dos ananos. Ambos os dous presentadores forman parte ademais do equipo creativo encargado da produción e da guionización da gala, equipo este que estará dirixido polo realizador Xaime Fandiño.

Tamén asistiron á rolda de prensa representantes dos patrocinadores dos Premios Mestre Mateo 2010: o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez; a concelleira de Cultura de Ourense, Isabel Pérez; o director da AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero; o director-xerente do Consorcio Audiovisual Galego, Anxo Quintanilla; e o vicepresidente primeiro e portavoz da Deputación de Ourense, Domingo Álvarez Dobaño. Todos eles coincidiron en loubar a escolla da cidade de Ourense como anfitrioa da gala, pola súa relevante traxectoria na promoción do cine galego en particular, e do audiovisual en xeral.

As institucións, cos Premios Mestre Mateo

A Academia Galega do Audiovisual reuniu na mesa a diferentes institucións administrativas e culturais de Galicia, representadas ademais polos principais partidos políticos do país, poñendo de manifesto o apoio instucional a un evento da relevancia dos Premios Mestre Mateo.

Desde o Concello de Ourense, o alcalde da cidade, Francisco Rodríguez, quixo dar unha calorosa benvida aos representantes da Academia a unha localidade «de cine», en referencia ao importante papel que representa o Festival Internacional de Cine de Ourense no panorama audiovisual galego. Para Francisco Rodríguez, é importante «reafirmarse neste compromiso con desembarcos como os Mestre Mateo», e destacou o tradicional protagonismo que a cidade ten como «inspiración literaria ou como escenario cinematográfico» ao longo das últimas décadas.

Pola súa parte, a concelleira de Cultura e primeira tenente de Alcalde de Ourense, Isabel Pérez, calificou de «agasallo» a celebración do evento, e asumiu de «bo grado» participar na festa máis importante do audiovisual galego. Salientou ademais a dinámica de colaboración entre o Festival Internacional de Ourense e os Premios Mestre Mateo, lembrando que a maior parte das cintas nominadas foron exhibidas no último certame ourensá, e remarcou a nacesidade de que «Festival e Academia Galega do Audiovisual camiñen da man».

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Plácido Álvarez, que desculpou a ausencia do presidente da institución, José Luis Baltar, amosou o seu desexo de que a austeridade imposta polo contexto económico non impida que a gala sexa un éxito. Na mesma liña expresouse o xerente-director do Consorcio Galego do Audiovisual, Anxo Quintanilla, quen emprazou a Touriñán, como presentador da gala, a «levantar o ánimo» de profesionais e público, e apostou por seguir apoiando ao audiovisual desde as institucións. Pola súa parte, o director da AGADIC, Juan Carlos Fasero, mostrou a súa satisfacción pola presenza dunha importante representación institucional na mesa, e lembrou a boa saúde do audiovisual galego no que respecta ás producións, que segundo o seu punto de vista, é o «mellor da historia».

Aposta pola creatividade

Xosé Antón Touriñán foi o encargado de presentar a gala de entrega dos Premios Mestre Mateo 2010, que el mesmo conducirá xunto con Belén Regueira. Ambos os dous colaboran como guionistas no grupo de traballo dirixido polo realizador Xaime Fandiño. Actual decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, Fandiño conta no seu haber, entre outros galardóns, cun Premio Mestre Mateo en 2002 ao mellor documental por Vivir en Manhattan e cun Premio Agapi 1999 á mellor produción de televisión por Chambo.

Touriñán anticipou un evento no que primarán o «enxeño e a creatividade». Segundo o presentador, a gala deste ano contará cun fío narrativo contundente e con «moitas doses de imaxinación e de humor». O acto de entrega dos Premios Mestre Mateo 2010 convidará ademais á reflexión sobre o presente e o futuro do sector audiovisual en Galicia.

Este ano, e por primeira vez na historia dos premios, a gala está a contar na súa fase de preprodución coa colaboración activa e desinteresada dun gran número de persoeiros do audiovisual galego, o que garante un espectáculo «diferente e innovador». Sen desvelar nin un ápice do concepto creativo da cerimonia, Touriñán convidou ao público a presenciar a velada a través da Televisión de Galicia, encargada da retransmisión en directo, asegurando que haberá tempo para os risos, a emoción, a reflexión, e para sorpresas que «deixarán ao público sen palabras en máis dunha ocasión».

Laxe e Tosar, valores contundentes

Os gañadores do Premio Revelación Chano Piñiro 2010, Óliver Laxe, e o do Premio de Honra Fernando Rey á traxectoria profesional, Luis Tosar, que foron desvelados hoxe polo presidente da Academia, son dous claros exemplos do talento e capacidade de traballo que existe actualmente no audiovisual galego. Co recoñecemento unánime de crítica, público e colegas de profesión, tanto na nosa comunidade como a nivel nacional e internacional, Laxe e Tosar representan o presente e futuro do sector en Galicia.

Óliver Laxe, premio FIPRESCI da crítica no último Festival de Cannes por Todos vós sodes capitáns, é un dos valores galegos en alza. O realizador galego, nado en París en 1982 e residente en Marrocos, ten un magnífico posicionamento no panorama internacional grazas ao seu cine comprometido e baixo o selo dun estilo propio, que o convirte nun referente do audiovisual galego con só 29 anos.

O caso de Luis Tosar é diferente. Comezou a traballar o seu talento interpretativo desde Galicia, talento que non pasou desapercibido para grandes producións nacionais primeiro, e internacionais despois. Gañador de catro Premios Mestre Mateo e de tres premios Goya, con só 39 anos é o actor galego máis coñecido na escena internacional e un dos intérpretes máis comprometidos coa cultura e o audiovisual galegos.

Encontros, coa canteira galega

Xosé Manuel Olveira ‘Pico’ presentou tamén a programación de Encontros, que se vai desenvolver durante toda a semana que vén, de luns a venres, en Ourense, Santiago, Vigo, A Coruña e Lugo, respectivamente. Os Encontros Mestre Mateo son unha iniciativa da Academia para achegar os traballos e os profesionais do audiovisual aos estudantes das escolas de comunicación audiovisual de Galicia, a través da exhibición de distintas producións e de charlas con persoas que traballaron en cada unha delas. Co aliciente ademais de que as presoas presentes nos encontros están nominadas aos premios.

‘Pico’ quixo poñer en valor a importancia do formato de Encontros, mediante o que estudantes e profesionais do sector poden enriquecerse mutuamente a través da visualización común das pezas, e da interpretación e análise das mesmas. «Encontros é unha oportunidade para achegar a realidade da profesión á canteira, ás novas xeracións do audiovisual galego», asegurou o presidente da Academia, que agradeceu a presenza na rolda de prensa dos estudantes do ciclo de audiovisual do CEIP A Farixa de Ourense.

Etiquetas: