A división de animación de Continental Produciones está de parabéns, xa que os seus tres últimos proxectos de animación foron seleccionados en distintos festivais.

A longametraxe de animación en flash A Crise Carnívora dirixida por Pedro Rivero , que foi presentada por primeira vez no Festival de Sitges, foi seleccionada para competir no festival de animación ZLIN (República Checa) que terá lugar do 31 de maio ao 7 de xuño do 2009. Trátase dun festival cunha longuísima traxectoria e prestixio dentro do circuíto da animación. 

Nas mesmas datas tamén foi seleccionada para participar no festival de animación Anifest en Zagreb (República Checa), segundo festival máis antigo de Europa, orientado a un cinema de autor, coa reputación de ser un dos acontecementos máis significativos dentro do mundo da animación. O festival celebrarase do 7 ao 10 de maio.  Outros dous festivais europeos quixeron contar con esta longametraxe proximamente: o festival romanés Transilvania, en Cluj, na sección de Horror e Fantasía e o Festival Europeo de Kecskemet, en Hungría, que terán lugar do 29 de maio ao 7 de xuño e do 17 ao 21 de xuño respectivamente.

En canto ao campo das curtametraxes, as dúas últimas curtas animadas que Continental produciu O Soldadiño de Chumbo de Tomás Conde e Virginia Curiá, presentada ao público o pasado decembro e nomeada este ano aos Premios Mestre Mateo; e A flor máis grande do mundo, dirixida por Juan Pablo Etcheverry, que o pasado ano estivo nomeado aos Goya e alzouse co Premio Mestre Mateo, foron seleccionadas para participar na 35º edición do Festival Internacional de Filmets, que terá lugar do 6 ao 14 de novembro do 2009 en Barcelona.