A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL INAUGURA MAÑÁ A SEMANA DO AUDIOVISUAL GALEGO NAS CIDADES E PRINCIPAIS VILAS GALEGAS

29 / 04 / 2007

Será no I.E.S. Marco do Camballón en Viladecruces, onde ás 9:30 da mañá, onde se leve a cabo o Acto Inaugural desta Semana do Audiovisual Galego, ó que asistirá Manuel Sanmartín en representación da serie de tv Libro de Familia, e Agustín Díaz por 25 anos de Autonomía, dado que serán estas as proxeccións que alí se leven a cabo.
A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL INAUGURA MAÑÁ A SEMANA DO AUDIOVISUAL GALEGO NAS CIDADES E PRINCIPAIS VILAS GALEGAS

Do 30 de abril ó 5 de maio as sés da Fundación Caixa Galicia nas cidades e os centros de ensino e espazos hostaleiros nas vilas encheranse de cine

Mañá luns día 30 de abril, a Academia Galega do Audiovisual inaugura a Semana do Audiovisual Galego, un circuíto no que se proxectarán nas cidades e principais vilas galegas, a meirande parte das producións audiovisuais que optan ós galardóns dos Premios Mestre Mateo 06 nas distintas categorías. Será no I.E.S. Marco do Camballón en Viladecruces, onde ás 9:30 da mañá, onde se leve a cabo o Acto Inaugural desta Semana do Audiovisual Galego, ó que asistirá Manuel Sanmartín en representación da serie de tv Libro de Familia, e Agustín Díaz por 25 anos de Autonomía, dado que serán estas as proxeccións que alí se leven a cabo.

Ademais deste acto de inauguración, mañá ás 20:00 hs., tamén comezarán as proxeccións nas sés da Fundación Caixa Galicia na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago. En Vigo, proxectarase o documental O Barco da Memoria , polo cal acudirá como representante Marcos Gallego de Saga Tv, e a curtametraxe de animación A Promesa, no nome da cal se contará coa presenza de Fernando Cortizo. Nesta ocasión como representante da Academia estará Xaime Fandiño.

En Pontevedra poderemos ver Omar Martínez e a produción publicitaria Cabreiroá, a auga da terra da auga. Nesta ocasión contarase coa presenza de Rubén García Loureda pola Academia Galega do Audiovisual. Pola súa banda en Santiago de Compostela, proxectarase De Profundis, pola que estará Chelo Loureiro, e a A Bruxa Catuxa, curtametraxe de animación. Pola Academia esperase a presenza de Paco Lodeiro. Na capital luguesa contaremos coa presenza de Pepe Coira pola Academia e poderemos ver o documental A dedo. Historias de autostopistas.
Na Coruña, pasarase o documental Linatakalam e a curtametraxe de ficción Bos Días, contando con Carlos Amil como representante da Academia, e tamén coa presenza de Marcos Nine.

Finalmente en Ourense, poderemos deleitarnos con 2050, polo que acudirá Alfredo Alemparte, e Bos Días, curtametraxe pola que contaremos coa presenza de Antonio Mourelos e Ledicia. Pola academia estará Pilar Comesaña. Todos os pases serán as 20: 00 horas.

Seguindo coas proxeccións que se levarán a cabo polos centros de educación secundaria, mañá luns á tarde, ás 16:30 horas, no I.E.S Laxeiro de Lalín, proxectaranse pezas como De Bares e O Ladrón de Bonecas, e a esa mesma hora no I.E.S As Bizocas do Grove, se levará a cabo outra proxección na que se poderán ver o documental Linatakalam e a curtametraxe de ficción Bos Días.

Finalmente e para os máis noctámbulos, no espazo idílico O Sirena de Vilanova de Arousa, se porá broche final a esta xornada coa proxección das curtas, tanto de animación como de ficción, que están nomeadas este ano; ofrecéndonos o mesmo tempo a todos nós unha alternativa de lecer. Será ás 21:00 horas, e contarase coa presenza de Jairo Iglesias como director de Cicatrices, unha das curtametraxes de ficción nomeadas, que explicará a todos os asistentes como foi a experiencia e o procesos de rodaxe da mesma.

O martes día 1, aproveitando a festividade, e continuando coa mesma línea de proxeccións, no espazo O Vinilo, no Grove, poderemos contar ás 22:30 horas cunha nova proxección das curtametraxes de animación e de ficción, sen dúbida un boa opción para rematar unha xornada de descanso coma esta.

A Academia Galega do Audiovisual adica toda esta semana a promover os Premios Mestre Mateo 06 exhibindo 24 producións e varias montaxes de programas de tv nas principias cidades e vilas galegas. Longametraxes, curtas de ficción e animación, series e programas de TV, documentais e producións de publicidade, percorrerán simultaneamente as cidades de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, e as vilas pontevedresas de A Guarda, Lalín, O Grove, Tui, Vila de Cruces, Vilanova de Arousa e Vilaxoán de Arousa; as ourensáns de Allariz, A Rúa, o Barco de Valedoras e Xinzo de Limia; as coruñesas de As Pontes de García Rodríguez e Culleredo; e as luguesas de Burela, Ribadeo, A Pontenova e Monforte de Lemos.

Con este circuíto- coordinado pola distribuidora Mr. Misto Films e patrocinado pola Consellería de Cultura e Deporte, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual (da Secretaría Xeral de Comunicación) e a Fundación Caixa Galicia-, a A.G.A proxectará parte das producións audiovisuais que optan ós Premios Mestre Mateo deste ano. Calcúlase que máis de 5000 persoas terán acceso durante máis de 100 horas de proxección audiovisual a coñecer parte daqueles traballos finalistas para os Premios, que se entregarán na Gala que terá lugar no Colón Caixa Galicia da Coruña o 9 de maio.

Nota ás redaccións: PARA CONTACTAR OU ENTREVISTAR ÓS/ÁS PROFESIONAIS QUE ASISTIRÁN ÁS PROXECCIÓNS, CHAMAR A: Xoán Mariño, no 675 896 415 ou ó 661 247 157. Graciñas.

Etiquetas: