As empresas produtoras e os profesionais do audiovisual galego poden presentar ao longo deste mes os seus traballos para optar aos premios Mestre Mateo 07, que coma cada ano convoca a Academia Galega do Audiovisual. O prazo de presentación pecha o día 2 de xaneiro e, unha vez rematado o proceso de presentación e votación dos nomeados, terá lugar a tradicional Gala dos Premios, prevista para o mes de abril do 2008.
Poden aspirar a estes galardóns as longametraxes, telefilmes, series e programas para televisión, documentais e curtametraxes, así como os profesionais que participen nestas producións –agás nas curtametraxes- e que cumpran os requisitos das categorías específicas. O certame inclúe tamén a participación das obras publicitarias e as obras experimentais ou interactivas. As bases pódense consultar na web da Academia, www.academiagalegadoaudiovisual.gal

Segundo sinalan as condicións de admisión, as longametraxes –producións cinematográficas de duración superior a 60 minutos- deben ter sido estreadas en salas comerciais ou festivais cinematográficos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano 2007, e cumprir calquera dos seguintes requisitos: que a versión original sexa en lingua galega ou que, como mínimo, o 25 por cento da produción corresponda a unha ou varias produtoras con domicilio social en Galicia, ou que o 50 por cento do equipo técnico e artístico sexa galego ou residente en Galicia. No caso específico das longametraxes, tamén poderán sumar o 25 por cento en conxunto o equipo técnico e artístico, sempre que unha das autorías sexa galega (director, guionista ou autor da música orixinal). Para contar todas estas porcentaxes non se terán en conta aos meritorios nin aos bolseiros.

No caso dos telefilmes, series (ficción, animación e documentais) e programas para televisión emitidos por calquera dos sistemas televisivos, así como no dos documentais, os requisitos son similares aos descritos para as longametraxes, mentres que nas curtametraxes, o baremo da orixe galega da produción ascende ao 50 por cento no canto do 25 por cento dos outros casos. Así mesmo, as obras publicitarias e as obras experimentais ou interactivas amosan condicións semellantes ás das longametraxes.

As candidaturas ás diferentes categorías -25 en total- dos Premios Mestre Mateo poderán ser presentadas polas entidades con dereitos sobre a obra correspondente ou por calquera académico con dereito a voto. As categorías son: Mellor Longametraxe, Película de TV, Programa de TV, Serie de TV, Documental, Obra Experimental ou Interactiva, Obra Publicitaria, Curtametraxe de Ficción, Curtametraxe de Animación, Dirección de Produción, Dirección de Fotografía, Maquillaxe e Perruquería, Deseño de Vestiario, Dirección Artística, Montaxe, Son, Guión, Música Orixinal, Dirección, Realización, Comunicador de TV, Interpretación Masculina Protagonista, Interpretación Feminina Protagonista, Interpretación Masculina de Reparto, Interpretación Feminina de Reparto. Como en anteriores edicións, haberá Premios Honoríficos, a criterio da Xunta Directiva da Academia tanto na súa designación como denominación.

Calendario dos Premios Mestre Mateo 07

Ata o 2 de xaneiro: recepción de candidaturas.
14 de xaneiro: publicación de candidaturas aceptadas e ábrse o prazo de alegacións de socios.
18 de xaneiro: péchase o prazo de alegacións.
11 de febreiro: envío de papeletas para a primeria rolda de votacións.
29 de febreiro: finaliza o prazo de recepción de papeletas de votación no notario.
7 de marzo; publicación de nomeados.
10 de marzo: envío de papeletas para a segunda rolda de votacións.
31 de marzo: fin do prazo de recepción de papeletas de votación no notario.
Abril 2008 (pendente confirmación datas): Gala Premios Mestre Mateo 07