28 DOCUMENTAIS CONFORMARÁN O PROGRAMA DE PLAY-DOC 2008

8 / 02 / 2008

A cuarta edición de Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui, proxectará do 12 ao 16 de marzo 28 documentais que pasaron a selección entre os máis de 600 recibidos. O Teatro Municipal será a sé deste certame que se fixo un oco propio no panorama internacional de festivais presentando o máis novidoso do xénero documental.
Francia, Holanda, Romanía, Israel, Brasil, Suíza, Alemaña, España e Galicia son os lugares de procedencia dos 14 documentais que este ano compiten na Sección Oficial do festival, que nesta edición estrea categoría para documentais galegos. Un xurado internacional encargarase de repartir os premios que este ano suman un total de 9.000¤.

Na Sección Informativa Play-Doc, introduce unha nova sección dedicada aos documentais animados; un apartado dedicado á violencia de xénero, complementado con debates e charlas; un especial sobre a obra do recoñecido realizador independente Lech Kowalski, no que se presentará a súa triloxía ‘The Wonderful Art of Surviving’ e a xa habitual sección de documentais de música, na que os protagonistas dos documentais tocarán en directo nas noites de Play-Doc.

A organización de Play-Doc agradece o apoio das institucións e entidades privadas que colaboran nesta cuarta edición: a Xunta de Galicia ao través das Direccións Xerais de Creación e Difusión Cultural, Comunicación Audiovisual e Política Lingüística. A Axencia Audiovisual Galega, Turgalicia, Consorcio Audiovisual de Galicia, e o Concello de Tui, entre outros aos que este ano se suma a Fundación Caixa Galicia.

Categoría: Noticias
Etiquetas: