XIII Premios Mestre Mateo

En 2015 celebrouse a XIII edición dos Premios do Audiovisual Galego “Mestre Mateo”, cuxo cumio foi a gala celebrada o 11 de abril no Auditorio Gaviota de Palexco en A Coruña. Novamente celebramos e recoñecemos o traballo de tódolos membros do noso sector e das obras nas que participaron.

Coma tódolos anos, o proceso comezou coa apertura do prazo de presentación de profesionais e producións estreadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014. En novembro e durante os primeiros días de decembro tódalas produtoras e persoas físicas con dereitos sobre as obras achegaron a documentación necesaria para incluír as súas obras e aos traballadores das mesmas nas categorías que se ofertaron nesta XIII edición dos premios.

Coma novidade, enviouse un listado coas obras presentadas no prazo de recepción de candidaturas aos socios e socias para que, se observaban a falta dalgunha produción a inscribisen ou nola comunicasen para poñernos en contacto coa produtora.

Unha vez recibidas tódalas producións, a Academia procedeu a constituír a comisión encargada de revisar e avaliar os proxectos e profesionais presentados en cada categoría co fin de comprobar se cumprían cos requisitos especificados nas bases dos premios. Esta estivo composta por Jorge Saavedra (área de dirección), Tamara Soto (área de produción), Suso Bello (área de fotografía), Alfonso Martínez (área de promoción), Saamira Ganay e Marta Doviro (área de interpretación), Sergio Moure (área de música e son), Carlos Ares (área de escritores audiovisuais) e Adrián Pino (área de posprodución).

O 24 de decembro do 2014 publicáronse as 110 candidaturas aceptadas das 116 produtoras participantes e un amplo abano de profesionais, un total de 402, e abriuse o prazo de alegacións onde tódolos socios e socias da Academia puideron expoñer os seus apuntes sobre as producións inscritas que concorren a unha ou varias estatuíñas nos XIII Premios Mestre Mateo.

A finais de xaneiro e ata comezos do mes de marzo os académicos e académicas exerceron o seu dereito a voto na primeira rolda de votacións na que se estreou a plataforma on-line que recollía tódolos traballos e profesionais candidatos dispostos por categorías para o visionado e votación; esta última tamén sufriu cambios dende a última edición, xa que se estreou a votación ponderada onde había que outorgar catro, tres, dous e un punto nas vinte cinco disciplinas.

 

A lectura de finalistas dos XIII Premios Mestre Mateo

Seguindo o curso dos premios, o 10 de marzo celebrouse a lectura de finalistas onde se deu a coñecer o resultado dos votos dos membros da Academia da man de Ricardo de Barreiro (actor e socio da Academia) e Mercedes Castro (Actriz e socia da Academia), que acompañaron a Jorge Coira, Vicepresidente 1º da Academia. No acto desveláronse o nome dos nomeados ante membros da Academia e outros profesionais do sector cinematográfico e televisivo galego.

 

Xuntanza de finalistas

A seguinte cita dos Premios tras coñecer aos nomeados foi a Xuntanza de Finalistas que un ano máis reuniu aos profesionais do sector para festexar a súa candidatura antes da gala e para facer a tradicional foto de familia. A cita tivo lugar o 25 marzo, uns días despois de abrirse o segundo prazo de votacións onde os membros da Academia deberían elixir, de novo ponderadamente, aos gañadores da XIII edición.

O Hostal dos Reis Católicos foi tamén en 2015 o marco elixido para que a vogal da Academia, Irene Lourido, dera a coñecer o nome do Premio de Honra “Fernando Rey” desta edición, a actriz Fely Manzano e tamén se anunciara que Roberto Vilar sería por segundo ano consecutivo o condutor da gala. Ámbolos dous dedicaron unhas palabras ante os case 100 asistentes.

Fely Manzano durante o seu breve discurso ante os case 100 asistentes, ademais de recibir os aplausos dos asistentes e agradecer o recoñecemento, reclamou que haxa papeis para intérpretes veteranos.

Pola súa banda, as palabras de Roberto Vilar anunciaron unha gala rápida, amena e divertida, onde os seguidores das producións audiovisuais galegas, especialmente das series, terían protagonismo durante a entrega de galardóns e onde se demostraría a madurez e talento do sector audiovisual galego.

 

 

E chegou o día! Gala dos XIII Premios Mestre Mateo

- Montaxe e ensaios

Durante catro días fóronse armando tanto os compoñentes necesarios para facer unha gala televisada como os elementos que conformarían a escenografía desta XIII edición.

Aínda que houbo ensaios tanto cos colaboradores dos sketches co propio Roberto Vilar nos días previos á gala no escenario, o o ensaio xeral que reuniu a tódolos participantes do espectáculo foi o propio sábado 11 pola tarde. Entregadores, colaboradores do espectáculo, o presentador e, por suposto, o equipo, tiñan todo preparado para o ensaio que se prolongou durante tres horas.

 

- Gala

A Academia Galega do Audiovisual vestiu as súas mellores galas tras moitos meses de esforzo e duro traballo. As portas do Palexco abríanse puntualmente ás 20.00h para recibir aos 1.400 convidados que xa agardaban na entrada do recinto.

Caras coñecidas, actores, actrices, produtores, directores e outros profesionais do sector, así como institucións e empresas déronse cita na festa do audiovisual galego.

A gala comezou en directo ás 22.05h para a súa emisión en directo por Televisión de Galicia cun vídeo inicial no que as Mariscadoras da Cofradía da Ría de O Burgo atopan na súa faena diaria no medio das ameixas, as estatuíñas dos Mestre Mateo. Roberto Vilar ao máis puro estilo Matrix tenta recuperalas pero os mariscadores opóñense, facendo que o presentador marche coas mans valeiras.

Xa no escenario, Roberto explica que como por un pequeno descoido esta edición non haberá estatuíñas, polo que tampouco haberá discursos xa que os premiados poden dar os seus discursos dende as súas butacas e empregar un sistema de xestos para dar os seus agradecementos. Para explicalo, pídelle ao gañador do Premio Goya ao Mellor Actor Protagonista, Javier Gutiérrez, que o exemplifique. Cando se remata a aclaración, as mariscadoras irrompen en escena para dicirlle a Vilar que o pensaron detidamente e devólvenlle os Mestre Mateo “porque non dan de comer”.

Vilar comeza entón co monólogo de rigor falando das obras con máis candidaturas nesta edición, destacando a gran colleita xerada e o bo ano que viviu o audiovisual galego.

Tras esta primeira intervención, a actriz Marta Larralde e o chef e presentador Yayo Daporta accederon ao escenario para entregar os premios á mellor Interpretación Masculina de Reparto e mellor Maquillaxe e Perruquería.

Os actores Carmen Méndez e Adrián Castiñeiras foron os encargados de dar a coñecer os Mestre Mateo á mellor Música Orixinal e Anuncio Publicitario.

Un dos momentos máis destacados foi a homenaxe que se lle rendeu ao público que acompañou á ficción galega, concretamente aos abundantes seguidores das series, todo un fenómenos fan que chega tamén as producións autóctonas. Ademais de acompañarnos en directo durante a gala e das palabras que lles dedicou Roberto Vilar, a súa participación tamén foi a través dun vídeo no que se recollían tódalas testemuñas recibidas a través das redes sociais da Academia.

A gala continuou coas presentadoras María Solar e Gladys Vázquez, que leron aos gañadores nas categorías de Realización e Programa de TV.

O mellor Vestiario e a mellor Interpretación Feminina de Reparto foron outorgados polos actores Alfonso Agra e Isabel Blanco.

Os actores Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo foron os encargados de ler aos gañadores á mellor Dirección de Produción e Serie Web.

A gala continuou coa entrega da mellor Curtametraxe e mellor Longametraxe de Animación da man da actriz Tamara Canosa e ao presentador Kiko Novoa.

A entrega do Mestre Mateo á mellor Longametraxe de Animación deu paso ao primeiro dos tres sketches que conformarían a gala. Isabel Risco apareceu no escenario con cadeas para “protestar”, ironicamente, sen ningunha reivindicación.

Tras as risas que provocou Isa Risco no público, chegou un momento máis formal co discurso do Presidente da Academia, Antonio Mourelos, que subliñou que remata o seu mandato despois de catro anos coa vista posta nun futuro cheo de cambios por vivir e infinidade de retos. Así, lembrou o papel necesario do sector nun discurso marcado polos agradecementos, en especial ao público máis fiel que acompañou ao audiovisual galego ao longo destes trinta anos.

Despois das palabras de Mourelos, a gala continuou co único premio cuxo dono xa coñecíamos de antemán: o Premio de Honra Fernando Rey. Mabel Rivera entregou cun longo e emotivo abrazo á actriz Fely Manzano, a súa compañeira durante tantas tempadas na clásica serie “Pratos Combinados”, a estatuíña en recoñecemento do seu traballo de interpretación. Fely rematou a súa intervención cun “Viva o audiovisual galego!” que o público acompañou cun aplauso.

A gala proseguiu, como adiantara Vilar no primeiro monólogo, cun vídeo no que se recompilaba o recoñecemento internacional de moitas producións galegas presentes en festivais internacionais e canles de televisión estranxeiras.

Os actores Ana Turpin e Toni Salgado entraron no escenario para dar a coñecer aos galardoados co Mestre Mateo á Serie de TV e Son.

Os actores Gonzalo Uriarte e Carmen Méndez foron os encargados de abrir os sobres que contiñan os gañadores nas categorías de Documental e Videoclip.

Vilar fai que unha cámara o siga ata o lateral do escenario para tomar un pouco de aire. Alí atópase con Carlos Blanco, co que fai un repaso dos premiados ata o momento e comentan que Roberto colleu sen querer os seguintes sobres cos gañadores, por se quere saber algún por adiantado. A continuación vemos que Isa Risco segue entre bambalinas coa súa protesta particular.

O presentador deportivo Alfonso Hermida leu o nome do gañador do Premio ao Mellor Comunicador/a.

Roberto entra de novo no escenario para dar paso ó “corte para WhatsApp” ou publicidade, onde el mesmo aproveita para preguntarlle a Antonio Mourelos como vai a gala.

Á volta do corte de publicidade Roberto está no patio de butacas para dar paso ao vídeo conmemorativo do 30 aniversario da Televisión de Galicia e falando da importancia da televisión pública tanto no ámbito social como no laboral.

As actrices Cecilia Freire e Sheila Fariña entregaron os premios á mellor Dirección de Fotografía e mellor Dirección de Arte.

Para o último sketch da noite Roberto acompañouse de Lucía Regueiro para recitar un poema unido a música de violín para achegarse ao concepto de audiovisual: audio, da música do violín; e visual, das imaxes que evoca o poema na cabeza de cada quen.

A directora Giselle Llanio e o guionista Miguel Barros foron os encargados de ler o sobre que contiña o nome dos galardoados nas categorías de Montaxe e Guión.

Tras a homenaxe a tódolos falecidos no sector audiovisual, os actores María Vázquez e Monti Castiñeiras, representante de AISGE, entregaron as estatuíñas ás interpretacións protagonistas tanto masculina como feminina.

O director, produtor e guionista Antón Reixa abriu o sobre que contiña o nome do gañador á mellor Dirección.

O derradeiro premio á mellor Longametraxe foi entregado polos actores galegos galardoados co Premio Goya nas súas respectivas interpretacións na derradeira edición, Javier Gutiérrez e Nerea Barros.

 

 

Documentos