A Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) vén de recibir o XIV Premio José Sellier da Academia Galega do Audiovisual, un recoñecemento á súa traxectoria pioneira e ao seu papel decisivo na construción, consolidación e proxección do sector audiovisual galego ao longo de máis de tres décadas.
Fundada en 1994, AGAPI foi protagonista de fitos fundamentais da historia recente do audiovisual en Galicia e continúa a ser hoxe a voz colectiva das produtoras independentes, cun labor clave na defensa do sector, no diálogo institucional e na creación de oportunidades de futuro. Falamos con Felipe Lage Coro, presidente de AGAPI, e con Uxía Caride, xerente da entidade, sobre o pasado, o presente e os retos do audiovisual galego.
Como describiriades AGAPI e cal é o seu rol dentro do sector audiovisual galego a día de hoxe?
Felipe Lage:
Hoxe por hoxe, AGAPI é a voz colectiva imprescindible das produtoras independentes galegas. A súa función supera con creces a dun simple interlocutor: é quen nos representa de forma unitaria ante institucións como a Xunta ou a CRTVG, quen promove o diálogo para conseguir mellores condicións e quen traballa de forma constante para xerar oportunidades que consoliden unha industria audiovisual galega sólida, visíbel e con futuro.
Que aportacións concretas fixo AGAPI ao desenvolvemento e fortalecemento do audiovisual en Galicia?
Uxía Caride:
Agapi foi a pioneira en organizar uns premios anuais, os premios Agapi, que tiveron lugar entre os anos 1996 e 2001. A Asociación impulsou a creación da Academia Galega do Audiovisual, momento no que os premios pasaron a chamarse Mestre Mateo. Agapi impulsou tamén a creación do Clúster Audiovisual Galego (Clag). Coa vista sempre posta na internacionalización, a Asociación organizou por primeira vez a presenza das produtoras galegas no MIPCOM de Cannes, corría o ano 2004.
No 2014 cumpríronse vinte anos da súa fundación e coincidindo con esa data tan sinalada, a Asociación foi galardoada co Premio da Cultura Galega do Audiovisual, máximo recoñecemento que outorga cada ano a Xunta de Galicia a entidades que destacan pola súa achega cultural e histórica.
Nestes máis de trinta anos, foron numerosas as actividades e iniciativas levadas adiante pola entidade. Agapi foi e segue sendo interlocutora activa coas administracións e televisións, tanto galegas como estatais. A asociación organiza con frecuencia seminarios e xornadas de formación especializada centradas en aspectos creativos, innovadores e tecnolóxicos. Á súa vez, elabora periodicamente informes e publicacións que serven de base a multitude de traballos de investigación.
A Asociación colabora activamente con outras entidades como as diferentes universidades galegas, outras asociacións profesionais, festivais, mercados audiovisuais, Film Commissions e Egeda (Entidad de Gestión de Derechos de los Productores Audiovisuales). Agapi entende que o audiovisual é un sector estratéxico e de futuro para Galicia. Ademais, o audiovisual é unha industria cultural que debe equilibrar os intereses empresariais e culturais, creando unha mestura onde ambos elementos teñan a mesma importancia e forza.
Que fitos ou cambios no sector marcaron máis a evolución de AGAPI dende a súa creación en 1994?
Uxía Caride:
A evolución de Agapi foi e segue sendo parella aos cambios que atravesa o sector audiovisual en constante movemento. O máis destacado sen dúbida foi o asentamento do tecido empresarial con moitas e moi boas empresas de produción audiovisual independente que son quen de competir no mercado internacional sen complexos e desde Galicia.
Como contribúe a crear cohesión e colaboración entre os profesionais do audiovisual? A que retos se enfronta a día de hoxe?
Felipe Lage:
A cohesión créase, precisamente, facendo de ponte. AGAPI é o punto de encontro onde todas as produtoras, independentemente do seu tamaño, poden compartir necesidades, retos e estratexias. Iso materialízase en mesas de traballo sectoriais, encontros profesionais e, o máis importante, na defensa dunha posición común ante as administracións. Traballar xuntos cando negociamos é o que realmente fortalece o tecido. En canto aos retos, ‘sen dúbida, o principal é a necesidade de consolidar un mercado estable e profesionalizado que nos permita competir en igualdade de condiciones noutros territorios, á vez que facemos fronte á atomización do sector e á volatilidade do financiamento.
Que medidas serían máis efectivas para fortalecer o sector a nivel institucional?
Uxía Caride:
Para fortalecer o sector audiovisual galego a nivel institucional, é fundamental incrementar o apoio á internacionalización, promovendo a presenza das produtoras galegas en mercados e festivais globais. As institucións deben impulsar a creación dunha marca sólida como pode ter Cataluña con Catalan Films que mellore a visibilidade e a presenza da nosa industria en mercados internacionais. Só cunha estratexia que combine apoio financeiro, formación, protección dos dereitos e un traballo conxunto entre as produtoras e as administracións será posible consolidar a nosa industria. A Film Commission tanto tempo agardada pode ser o primeiro chanzo deste camiño.
Como é a relación de AGAPI coas administracións públicas e co tecido privado?
Uxía Caride:
A relación é boa, facemos un traballo constante de análise e seguimento das políticas culturais co fin de garantir a igualdade de oportunidades e a transparencia.
Que papel xogan as colaboracións con outras academias ou institucións culturais, dentro e fóra de Galicia?
Uxía Caride:
As colaboracións son fundamentais para facer crecer un sector tan atomizado e cambiante. Dentro de Galicia traballamos habitualmente con outras asociacións de audiovisual como pode ser CREA, AGAG ou a propia Academia e fóra de Galicia estamos federados nunha Federación de Asociacións territoriais de todo o Estado o que nos permite tecer rede con outras rexións e traballar a nivel estatal.
De que xeito traballades pola internacionalización do audiovisual galego?
Traballamos pola internacionalización apoiando as producións dos nosos asociados. Desde Agapi tamén viaxamos cando nos é posible a festivais e mercados para ampliar a rede de colaboración e os contactos. Parécenos fundamental asistir a foros especializados para poder actualizar a información e coñecer as tendencias.
Que significa para AGAPI recibir o Premio José Sellier da Academia Galega do Audiovisual?
Este recoñecemento é unha ledicia porque é unha distinción que se fai desde a profesión, algo que non é habitual e que resulta moi fermoso. Estamos agradecidas e con folgos para seguir adiante con todos os retos que poidan xurdir nun mundo cada vez máis globalizado e incerto.

