A organización do Concurso de Curtametraxes na Rede “Curtas na Rede” comunicou no día de hoxe as novidades da cuarta edición deste certame. Ao igual que na pasada edición, esta iniciativa aséntase sobre 3 formatos aos que os creadores terán que se axustar para producir as súas obras. Os tres tipos de formato son os seguintes:

- Curtametraxes: Pezas dunha duración non superior aos 5 minutos, de temática libre e producidos ou estreados durante este ano, realizados en galego, castelán ou portugués, e que deberán cinguirse a estes 4 xéneros: ficción, documental, experimental e animación.

- Cápsulas: Pezas dunha duración non superior aos 3 minutos, de temática libre, que versen sobre xéneros non contemplados na categoría das curtametraxes: vídeos musicais, falsos realitys, falsos tráileres, recreación de secuencias famosas, etc. Estas pezas teñen que estar producidas ou estreadas durante este ano.

- Micromovies: Pezas dunha duración non superior aos 30 segundos, de temática e xénero libre,  realizadas mediante a cámara do teléfono móbil sen ningún tipo de postprodución.

Para este concurso pódense presentar de calquera categoría cantas obras consideren oportunas; así mesmo, a participación en Curtas na Rede non impide presentarse a canto festival ou concurso haxa. Como sempre o propósito da organización é explorar e dar a coñecer toda a creatividade presente fóra da industria audiovisual e cinguir isto ao mellor escaparate: internet.

A inscrición é gratuíta e xa está aberta dende o sábado 14 de febreiro ata o 10 de setembro de 2009. Unha vez inscrita, a persoa participante conta cunha páxina persoal (bitácora de rodaxe) dende a que poderá xestionar toda a súa participación no concurso: envío de traballos, publicación de artigos, votacións, etc, e contactar coas/os demais participantes en torno á comunidade creativa e cooperante que se crea neste espazo de expresión libre.

Máis de 26 categorías premiadas e preto de 33.000 euros conforman a relación de premios. Nesta ocasión as curtametraxes contan con 1º, 2º e 3º premio; igual que na anterior edición, os premios á categoría de animación teñen unha contía superior; tamén, e como novidade, engádese á relación de premios, o premio á mellor montaxe. Todas as categorías contan con premio do público resultado da votación dos usuarios inscritos na nosa páxina web.  Toda esta información, e outra, a poderá atopar na web do concurso:

www.curtasnarede.es

Como concurso aberto á participación de todo o mundo a partir dos 15 anos de idade, e que fomenta e recoñece sobre todo a produción afeccionada, converténdose ao longo destas edición nunha referencia neste eido, animámoslle a que distribúa e dea a coñecer esta información. Curtas na Rede valora a ilusión e imaxinación de cada proxecto, moi por enriba dos recursos técnicos ou económicos. A idea e crer que cada persoa agocha un artista, e organización quere descubrilo e dalo a coñecer.