EFE.
O filme Sirât, dirixido por Oliver Laxe, vén de acadar hoxe dúas candidaturas finalistas aos Premios Oscar, consolidándose como un fito histórico para o audiovisual galego e para o cine español contemporáneo. A película competirá nas categorías de Mellor Filme Internacional e Mellor Son, dous recoñecementos que sitúan o proxecto no máis alto do panorama cinematográfico mundial.
Producida polo académico Xavi Font, Sirât culmina así unha traxectoria excepcional que comezou o pasado mes de maio no Festival de Cannes, onde sorprendeu a crítica internacional ao facerse co Premio do Xurado.
Sirât é unha coprodución este España e Francia. As produtoras son Filmes Da Ermida, El Deseo, Movistar Plus+, 4A4 Productions e Uri Films. É o cuarto filme do director Oliver Laxe, tras Todos vós sodes capitáns, Mimosas e O que arde.
Ao longo dos últimos meses, Sirât sumou importantes recoñecementos estatais e internacionais, entre os que destacan o seu notable éxito en billeteira, os cinco Premios do Cine Europeo e as 11 candidaturas aos Premios Goya. Coas dúas nominacións aos Oscar, o filme iguala o número de candidaturas acadadas anteriormente por títulos como Hable con ella, Madres paralelas e Dolor y gloria, de Pedro Almodóvar —un dos produtores de Sirât—, así como Mar adentro ou A sociedade da neve.
Desde a Academia Galega do Audiovisual, felicitamos a todo o equipo de Sirât por este logro histórico e polo seu contributo á proxección global do noso cinema.

