1. INTRODUCIÓN

A Academia Galega do Audiovisual convoca a XIV edición dos Premios do Audiovisual Galego “Mestre Mateo” como recoñecemento ás obras galegas estreadas no ano 2015 e ós profesionais que traballaron nelas nos seus distintos aspectos técnicos e creativos.

Os Premios Mestre Mateo, como resultado da votación por parte dos académicos e académicas, enmárcanse dentro do exercicio do dereito de liberdade de expresión e supoñen, en consecuencia, unha manifestación dun dereito inherente ó funcionamento correcto do sistema democrático. Desta forma, as opinións dos académicos e académicas en forma de votación non son outra cousa que a expresión libre duns profesionais do sector audiovisual que, co seu voto, recoñecen as mellores obras e os mellores profesionais do ano en Galicia.

Os premios, a través das normas que conteñen estas bases, intentan conxugar tres elementos básicos: a igualdade de oportunidades ante os premios de todos cantos traballan no sector audiovisual, a adecuación á realidade sempre cambiante da produción de cada ano, e a necesidade de ofrecer ós socios e ó público en xeral unha Gala que sexa un espello atractivo da realidade do sector audiovisual galego.

 

 

3. CATEGORÍAS

Concederanse os seguintes premios:

 

CATEGORÍAS DE PRODUCIÓN

2.1. Mellor Longametraxe

2.1.1. Mellor Longametraxe

2.1.2. Mellor Longametraxe de Animación

2.2. Mellor Documental

2.3. Mellor Serie

2.3.1. Mellor Serie de Televisión

2.3.2. Mellor Serie Web

2.4. Mellor Programa de Televisión

2.5. Mellor Curtametraxe

2.5.1. Mellor Curtametraxe de Imaxe Real

2.5.2. Mellor Curtametraxe de Animación

2.6. Mellor Anuncio Publicitario

2.7. Mellor Videoclip

 

 

CATEGORÍAS PROFESIONAIS

2.8. Mellor Interpretación Feminina Protagonista

2.9. Mellor Interpretación Masculina Protagonista

2.10. Mellor Interpretación Feminina de Reparto

2.11. Mellor Interpretación Masculina de Reparto

2.12. Mellor Comunicador/a de Televisión

2.13. Mellor Dirección

2.14. Mellor Guión

2.15. Mellor Dirección de Fotografía

2.16. Mellor Dirección de Arte

2.17. Mellor Montaxe

2.18. Mellor Realización

2.19. Mellor Música Orixinal

2.20. Mellor Son

2.21. Mellor Vestiario

2.22. Mellor Maquillaxe e Perruquería

2.23. Mellor Dirección de Produción

 

 

3. CONDICIÓNS E REQUISITOS PARA AS CATEGORÍAS

3.1. CATEGORÍAS DE PRODUCIÓN.

Poderán participar aquelas obras que tiveran a súa primeira comunicación pública entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de decembro de 2015, e que cumpran, como mínimo, cun dos seguintes requisitos:

 

  • Que a versión orixinal sexa en lingua galega.
  • Que, como mínimo, o 25% da produción corresponda a unha ou varias produtoras con domicilio social en Galicia. Se é o único requisito que se cumpre é preciso presentar o contrato de coprodución para comprobar a porcentaxe.
  • Que o 50% do equipo técnico e artístico sexa galego ou residente en Galicia. Para contabilizar estas porcentaxes non se terán en conta os meritorios nin ós bolseiros.

Enténdese por comunicación pública todo acto polo cal unha pluralidade de persoas poden ter acceso a unha obra (salas de cine, festivais, televisión, Internet, etc.) sen previa distribución de exemplares a cada unha delas. Non se considera pública a comunicación cando se celebre dentro dun ámbito estritamente doméstico que non estea integrado ou conectado a unha rede de difusión de calquera tipo. En todo caso, a produtora elixirá cal é a data da estrea oficial.

 

3.1.1. Mellor Longametraxe.

3.1.1.1. Poden acceder a este premio as longametraxes de imaxe real (ficción, non ficción, documental e/ou experimental) e/ou de animación, creadas para a súa exhibición cinematográfica, televisiva ou a través de calquera outro sistema que permita a súa comunicación pública, que teñan unha duración igual ou superior a 60 minutos.

 

3.1.1.2. Considerarase que unha longametraxe é de animación cando un número significativo de personaxes sexan animados e a animación supoña un mínimo do 75% da duración da película. No momento de realizar a inscrición deberase sinalar a minutaxe.

 

3.1.1.3. Sempre que, habendo un mínimo simultáneo de TRES longametraxes de imaxe real, se presenten tamén un mínimo de TRES longametraxes de animación, abrirase a categoría de Mellor Longametraxe e Mellor Longametraxe de Animación.

 

 

3.1.2. Mellor Documental.

Poden acceder a este premio obras de contido documental de índole científica, cultural, social ou experimental independentemente da súa duración.

Aqueles documentais cunha duración superior aos 60 minutos, poderán elixir se compiten na categoría de Mellor Documental ou na categoría de Mellor Longametraxe.

 

3.1.3. Mellor Serie.

3.1.3.1. Poden acceder a este premio as series de ficción ou documentais, tanto de imaxe real como de animación, que estean creadas para a súa emisión por televisión e que conte con dous ou máis episodios novos emitidos do ano en curso.

 

3.1.3.2. Considérase serie web, aquela que realice a súa primeira comunicación pública a través dunha páxina web propia ou xenérica (como YouTube, Vimeo, etc.)

 

3.1.3.3. Sempre que, habendo un mínimo de TRES series de televisión, se presenten tamén un mínimo de TRES series web a Xunta Directiva, ou no seu caso a comisión, poderá crear as categorías de Mellor Serie de TV e Mellor Serie Web.

 

3.1.3.4. As series deberán indicar no título do formulario de inscrición os capítulos que se presentan.

 

3.1.4. Mellor Programa de Televisión.

Poden acceder a este premio a serie de programas ou programa unitario de carácter meramente informativo, educativo, de entretemento ou espectáculo emitidos por televisión. Quedan excluídos os telexornais, retransmisións deportivas e a previsión metereolóxica. Os programas especiais que xorden dun programa con emisión periódica, entenderanse incluídos dentro do propio programa e polo tanto non poden participar de forma illada.

 

3.1.5. Mellor Curtametraxe.

3.1.5.1. Poden acceder a este premio tanto curtametraxes de imaxe real (ficción, non ficción e experimental) como de animación, de duración inferior a 60 minutos.

 

3.1.5.2. Considerarase que unha curtametraxe é de animación cando un número significativo de personaxes sexan animados e a animación supoña un mínimo do 75% da duración da curtametraxe. No caso de curtametraxes mixtas de animación e imaxe real, a animación terá que aparecer soa ou misturada coa imaxe real en, como mínimo, o 75% do total da duración da obra.

 

3.1.5.3. Sempre que, habendo un mínimo de TRES curtametraxes de imaxe real, se presenten tamén un mínimo de TRES curtametraxes de animación, a Xunta Directiva, ou no seu caso a comisión, poderán crear as categorías de Mellor Curtametraxe de Imaxe Real e Mellor Curtametraxe de Animación.

 

3.1.6. Mellor Anuncio Publicitario.

Poden acceder a este premio os anuncios publicitarios audiovisuais creados para promocionar unha marca ou servizo e que se constitúa como unha obra unitaria. No caso de tratarse dunha campaña só poderá presentarse unha peza.

 

3.1.7. Mellor Videoclip.

Poden acceder a este premio os videoclips musicais creados para a representación visual e promoción dunha canción ou tema musical. Non se poderán presentar covers nin reintepretacións de temas musicais non propios.

 

 

3.2. CATEGORÍAS PROFESIONAIS.

Poden participar tódolos profesionais, galegos ou non, que participen en longametraxes (tanto de imaxe real como de animación), en documentais cunha duración superior ós 60 minutos, en series de televisión ou programas de televisión -incluídos os presentadores de informativos, programas deportivos e previsión metereolóxica-, sempre que cumpran os requisitos das categorías específicas aínda que a produción pola que se presentan non estea presentada como tal.

Quedan excluídos tódolos alumnos de centros de ensino cuxos traballos teñan lugar no ámbito académico.

 

3.2.1. Mellor Interpretación Feminina Protagonista.

Poden acceder a este premio as actrices que desenvolvan un papel principal en longametraxes de imaxe real (incluíndo documentais ficcionados de máis de 60 minutos), programas de TV e series de televisión.

 

3.2.2. Mellor Interpretación Masculina Protagonista.

Poden acceder a este premio os actores que desenvolvan un papel principal en longametraxes de imaxe real (incluíndo documentais ficcionados de máis de 60 minutos), programas de TV e series de televisión.

 

3.2.3. Mellor Interpretación Feminina de Reparto.

Poden acceder a este premio as actrices que desenvolvan un papel secundario ou característico en longametraxes de imaxe real (incluíndo documentais ficcionados de máis de 60 minutos), programas de TV e series de televisión.

 

3.2.4. Mellor Interpretación Masculina de Reparto.

Poden acceder a este premio os actores que desenvolvan un papel secundario ou característico en longametraxes de imaxe real (incluíndo documentais ficcionados de máis de 60 minutos), programas de TV e series de televisión.

 

3.2.5. Mellor Comunicador/a de Televisión.

Poden acceder a este premio os presentadores/as de programas informativos, incluídos presentadores/as de telexornais, retransmisións deportivas e previsión metereolóxica, educativos, de entretemento ou espectáculo, tanto infantís coma para adultos, así como reporteiros ou corresponsais adscritos a un programa, sexa cal sexa a súa periodicidade. A presentación a esta candidatura limítase unicamente a persoas individuais.

 

3.2.6. Mellor Dirección.

Poden acceder a este premio os directores/as de longametraxes de imaxe real ou animación; documentais de máis de 60 minutos e/ou series de televisión.

 

3.2.7. Mellor Guión.

Poden acceder a este premio os guionistas ou equipos de guión, autores de guións orixinais e/ou adaptados que correspondan a longametraxes de imaxe real ou animación; documentais de máis de 60 minutos, series de televisión e/ou programas de televisión.

 

3.2.8. Mellor Dirección de Fotografía.

Poden acceder a este premio os directores de fotografía, xefes de iluminación e/ou iluminadores de longametraxes de imaxe real ou animación; documentais de máis de 60 minutos, series de televisión e/ou programas de televisión.

 

3.2.9. Mellor Dirección de Arte.

Poden acceder a este premio os directores de arte e/ou decoradores de longametraxes de imaxe real ou animación; documentais de máis de 60 minutos, series de televisión e/ou programas de televisión.

 

3.2.10. Mellor Montaxe.

Poden acceder a este premio os montadores, xefes de montaxe e/ou editores de longametraxes de imaxe real ou animación; documentais de máis de 60 minutos, series de televisión e/ou programas de televisión.

 

3.2.11. Mellor Realización.

Poden acceder a este premio os realizadores e/ou encargados de coordinar o departamento de realización de programas de televisión educativos, de entretemento ou espectáculo, tanto infantís coma para adultos, sexa cal sexa a súa periodicidade (quedando excluídos os telexornais e retransmisións deportivas).

 

3.2.12. Mellor Música Orixinal.

Poden acceder a este premio os autores das composicións musicais para longametraxes de imaxe real ou animación; documentais de máis de 60 minutos, series de televisión e/ou programas de televisión. En todo caso a duración total da música orixinal incluída non repetida no formato audiovisual en cuestión, non poderá ser menor de 15 minutos incluídos todos os cortes (cabeceira, roll de créditos, etc). Será necesaria incluír a cue sheet para comprobar a duración.

 

3.2.13. Mellor Son.

Poden acceder a este premio os xefes de equipo do son directo, da montaxe de son, e das mesturas, de longametraxes de imaxe real ou animación; documentais de máis de 60 minutos series de televisión e/ou programas de televisión.

 

3.2.14. Mellor Vestiario.

Poden acceder a este premio os xefes de vestiario ou figurinistas de longametraxes de imaxe real, series de televisión e/ou programas de televisión.

 

3.2.15. Mellor Maquillaxe e Perruquería.

Poden acceder a este premio os xefes de maquillaxe e perruquería de longametraxes de imaxe real, series de televisión e/ou programas de televisión.

 

3.2.16.Mellor Dirección de Produción.

Poden acceder a este premio os directores e/ou xefes de produción de longametraxes de imaxe real ou animación; documentais de máis de 60 minutos, series de televisión e/ou programas de televisión.

 


3.3. PREMIOS HONORÍFICOS.

 

3.3.1. Os premios de honra quedarán a criterio da Xunta Directiva, tanto a súa designación coma a súa denominación.

3.3.2. Calquera académico ou académica poderá presentarlle á Xunta Directiva candidatos para os premios de honra. Estas candidaturas deberán presentarse argumentadas.

 

 

3.4. OUTRAS CONSIDERACIÓNS

A Xunta Directiva ou, no seu caso, a comisión de seguimento poderá modificar as categorías en función da produción do ano, establecendo un mínimo de 2 candidatos en cada categoría, salvo na excepción de longametraxes (de imaxe real e de animación), series (de televisión e web) e curtametraxes (de imaxe real e de animación).

 

 

4. OS TROFEOS

 

4.1. Os trofeos consistirán en pezas artísticas fabricadas expresamente para esta fin, en edición exclusiva, e sen dotación económica.

4.2. A Academia entregará un único trofeo por cada categoría, excepto nos casos de premio ex-aequo, nos que se entregará un trofeo por cada candidatura gañadora.

4.3. Poderanse realizar duplicados para os profesionais gañadores, previa solicitude expresa, debendo ser o interesado quen sufrague os gastos de fabricación.

4.4. Tódolos candidatos nomeados recibirán un diploma ou certificado acreditativo.

 

 

5. CANDIDATURAS

5.1. NORMAS XERAIS DE ADMISIÓN.

 

5.1.1. As candidaturas ás diferentes categorías tanto de produción como de profesionais dos Premios Mestre Mateo poden ser presentadas por persoas físicas ou xurídicas con dereitos sobre a obra correspondente ou por calquera académico/a con dereito a voto segundo o establecido nas presentes bases.

 

5.1.2. Tódalas obras que desexen participar e optar aos Premios deberán inscribirse on-line e presentar os documentos e arquivos a través do enlace https://www.academiagalegadoaudiovisual.gal/premios-mestre-mateo/xiv-premios-mestre-mateo/formulario-de-inscricion/. No caso de ter que achegar algún elemento presencialmente debe facerse na sede da Academia Galega do Audiovisual (Praza Pintor Sotomayor nº1, 2º – A Coruña) no seu horario habitual.

 

5.1.3. No caso de candidaturas presentadas por membros da Academia deberán presentar como mínimo o formulario de inscrición cuberto no caso de profesionais e o formulario xunto co xustificante bancario da cota de inscrición no caso de que inscriba unha obra sobre a que non ten os dereitos.

 

5.1.4. A Academia poderá solicitar a documentación que estime oportuna para acreditar o cumprimento dos distintos requisitos sinalados nas presentes bases. A non presentación da documentación requirida poderá levar á exclusión da candidatura na presente convocatoria.

 

5.1.5. A Academia non se responsabiliza dos erros ou omisións nos datos ofrecidos polas persoas físicas ou xurídicas que realicen a inscrición das obras e/ou profesionais.

 

5.1.6. Pódense presentar tantos traballos como sexa oportuno.

 

5.1.7. A Xunta Directiva ten a potestade de crear unha comisión específica para o seguimento das bases dos premios Mestre Mateo. No caso de crear esta comisión, procurará que estea formada por un representante de cada unha das categorías profesionais especificadas nos Estatutos da Academia.

 

5.1.8. A Xunta Directiva ou, no seu caso, a comisión poderá excluír os candidatos que non cumpran estritamente estas bases ou cando os datos que figuren sexan falsos, erróneos ou equivocados.

5.1.9. É necesaria a autorización expresa á Academia para dispoñer, sen contraprestación ningunha, sen limitación temporal ou de calquera outra clase, de fragmentos e fotogramas da produción a concurso. A utilización ou comunicación pública da gravación por parte da Academia só se realizará nun contexto informativo e educativo e excluirá a explotación.

 

5.1.10. As obras audiovisuais só poden competir nunha única categoría das que figuran nos artigos do 3.1.1 ao 3.1.7.

 

5.1.11. Os actores e actrices só poden competir nunha das categorías sinaladas nos artigos do 3.2.1. ao 3.2.4. pola súa interpretación nunha mesma obra.

 

5.1.12. Non poden participar aquelas obras que xa competiran nalgunha edición anterior. No caso das series e programas de televisión si poden participar sempre que se trate de novos episodios emitidos.

 

5.1.13. Os profesionais inscritos en cada unha das categorías deben coincidir cos nomes que aparecen na ficha do equipo técnico e artístico oficial presentado nas institucións oficiais así como nos títulos de crédito da obra en cuestión na categoría na que se presentan. As candidaturas presentadas pola produtora ou persoa que o dereito sobre a mesma deberán vir acompañadas polos créditos e/ou listados completos e oficiais de equipo.

 

 

5.2. DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR COAS CANDIDATURAS.

 

  • Formulario de inscrición cuberto por quen promova a candidatura.
  • Arquivo do traballo presentado, que debe seguir as seguintes características técnicas:
    • Códec de vídeo: H.264
    • Códec de audio: AAC-LC
    • Pode entregarse en calquera das seguintes resolucións:
      • HD 720p:
        • Tasa de bits: entre 5000 y 10000 kbits/s
        • Resolución: 1280 x 720 px (Relación de aspecto 16:9)
      • HD 1080p:
        • Tasa de bits: entre 10000 y 20000 kbits/s
        • Resolución: 1920 x 1080 px (Relación de aspecto 16:9)

 

O arquivo pode ser entregado coa marca de auga “Academia Galega do Audiovisual” no caso de que a produtora así o decida.

No caso das series, ou conxunto homoxéneo de programas, ou un programa de emisión continuada e indefinida no tempo, deberá presentarse o arquivo dun capítulo ou programa individualizado aínda que participen varios episodios.

Para unha mellor valoración das candidaturas, especialmente para o traballo dos profesionais, pídese presentar a copia en versión orixinal de rodaxe. No caso de presentar unha versión dobrada é obrigatorio enviala tamén en versión orixinal.

  • Declaración xurada na que se especifique que requisitos e, no seu caso, que porcentaxes, se cumpren do artigo 3.
  • Autorización a subir a unha plataforma dos Premios Mestre Mateo que se atopará na web da Academia o arquivo para facilitar o visionado on-line (baixo clave) aos socios e socias, a mantela na mesma e a incluíla, no caso de resultar finalista, na actividade formativa “Encontros Mestre Mateo”.
  • Sinopse, duración, web de referencia da produción, ficha do equipo técnico e do equipo artístico completo da produción.
  • Ficha do equipo e artístico oficial o máis completa posible.
  • No caso de presentar profesional/profesionais á Mellor Música Orixinal, cue sheet coa duración total da música orixinal incluídos todos os cortes (cabeceira, roll de créditos, etc).
  • Imaxes da obra (cartel, frames, fotografías da rodaxe e da presentación, trailer/teaser…).
  • Recibo do ingreso da cota de inscrición correspondente.
  • Xustificante da primeira comunicación pública (certificado do lugar onde tivo lugar a comunicación pública, novas de prensa, programas de festivais, webs…).

 

 

5.3 . COTA INSCRICIÓN.

 

5.3.1. Nas candidaturas a categorías de produción é imprescindible o pago da cota de inscrición. Os importes establecidos son: 30,00 euros polo primeiro traballo presentado e 10,00 euros por cada un dos traballos adicionais. Estes importes deberán ingresarse no nº de conta: ES06 2080 5210 02 3040003381 (A Banca).

 

5.3.2. Quedan exentas do pago da cota de inscrición as candidaturas a categorías profesionais.

 

 

5.4. PRAZO DE INSCRICIÓN E CALENDARIO.

 

5.4.1. A apertura do prazo de recepción de obras abrirase o 16 de novembro de 2015. Fíxase a data do 4 de decembro de 2015 como límite para enviar ou entregar as propostas de candidaturas.

 

5.4.2. No caso de tratarse de producións que tiveran a súa primeira comunicación pública entre o 5 e o 31 de decembro de 2015 (ambos inclusive), poderanse inscribir igualmente pero terán que acreditar á Academia a súa estrea no período sinalado antes do 7 de xaneiro de 2016. En calquera caso, as obras que teñan prevista a súa estrea entre o 5 e o 31 de decembro de 2015, a produtora deberá facer chegar á Academia igualmente os materiais e documentación nos prazos establecidos para poder concorrer aos Premios. A Academia non se responsabilizará de erros ou omisións nos datos achegados.

 

5.4.3. Unha vez rematado o prazo de recepción de obras a Academia porá a disposición pública a relación das producións presentadas para que, se observan que falta algunha produción ou profesional, poidan presentar a produción eles mesmos aínda que non posúan os dereitos sobre a mesma na súa condición de académicos, ou para que comuniquen á Academia a non presenza dalgunha obra. De igual maneira os profesionais poderán presentar ou retirar a súa candidatura se non están conformes coa mesma.

 

5.4.4. Unha vez feita esta comprobación, a Academia porá novamente a disposición de tódolos académicos a relación das producións presentadas que cumpran os requisitos para participar, xunto cos listados dos equipos técnico e artístico correspondentes para que poidan alegar cuestións só relativas ás obras presentadas en prazo e forma.

 

 

6. SISTEMA DE VOTACIÓN

 

6.1. Teñen dereito a voto os membros da Academia Galega do Audiovisual que se encontren ó corrente do pagamento das cotas e cuxa alta fose aprobada pola Xunta Directiva antes do 31 de decembro de 2015.

 

6.2. Cada socio poderá votar unha única vez en cada unha das votacións.

 

6.3. Selección dos nomeados:

6.3.1. Antes da primeira votación enviaranse vía mail as instrucións para a votación aos socios e socias da Academia a través da Plataforma dos Mestre Mateo na web da Academia.

 

6.3.2. Cada socio con dereito a voto debe emitir CATRO votos por categoría. A votación será ponderada de forma o socio/a debe puntuar cada candidatura escollida con CATRO (4), TRES (3), DOUS (2) ou UN (1) puntos para cada unha, sendo 4 a obra ou profesional máis valorado, 3 o seguinte e así sucesivamente. É obrigatorio outorgar as catro puntuacións e non poderá repetirse ningunha delas. No caso de que non se vote con 4, 3, 2 e 1 puntos nunha categoría concreta, anularase o voto desa categoría.

 

6.3.3. No caso de categorías con catro ou menos de catro candidatos, serán todos automaticamente nomeados.

 

6.3.4. O número de nomeados só excederá de catro no caso de que exista empate no cuarto posto.

 

6.3.5. No caso de que un profesional resulte nomeado en máis dun proxecto na mesma categoría, figurará unicamente o nomeamento pola produción na que obtivera máis votos.

 

6.4. Selección dos premiados:

6.4.1. Na segunda votación, cada socio accederá novamente á plataforma creada na web da Academia para a votación dos nomeados por cada categoría en orde alfabética.

 

6.4.2. Cada socio con dereito a voto debe emitir CATRO (4), TRES (3), DOUS (2) ou UN (1) puntos por cada categoría para elixir ao gañador de cada categoría, sendo 4 a obra máis valorada e 1 a menos. É obrigatorio outorgar as catro puntuacións e non poderá repetirse ningunha delas. No caso de que non se vote con 4, 3, 2 e 1 puntos nunha categoría concreta, anularase o voto desa categoría.

 

6.4.3. Para garantir o anonimato no voto e a limpeza do proceso, será un notario o encargado da recepción e reconto das votacións.

 

6.4.4. O notario gardará segredo profesional ata o acto de entrega dos premios. Ninguén, a excepción do notario, poderá saber o número de votos recibidos por cada produción ou profesional en ningunha das fases.

 

6.4.5. O notario só contabilizará unha votación por cada académico. Dende a Academia tomaranse as medidas pertinentes para impedir que se poidan duplicar as votacións.

 

 

7. ACEPTACIÓN DO REGULAMENTO

 

7.1. A participación nos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, tanto na presentación de candidaturas como na votación, supón a aceptación total do presente regulamento.

7.2. A Xunta Directiva, e no seu caso a comisión na que delegue, será o único órgano con potestade para interpretar as bases e resolver os casos de conflito que poidan xurdir. As súas decisións serán inapelables.

 

7.3. Unha vez feita pública a listaxe definitiva de candidatos ós Premios Mestre Mateo non se poderán retirar as candidaturas a categorías de produción e/ou profesionais.

 

 

 

A Coruña, 11 de novembro de 2015.

Xunta Directiva da Academia Galega do Audiovisual.

 

 

 

De acordo co establecido na Lei Orgánica 15/1999, informámoslle que os seus datos persoais forman parte dun ficheiro, cuxo responsable é a ASOCIACIÓN ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL con domicilio social en Praza Pintor Sotomayor s/n 2º, 15001 A Coruña. A finalidade deste ficheiro é levar a cabo a xestión dos premios organizados pola Academia. Se o desexa, poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dirixíndose por escrito á dirección sinalada, incluíndo unha fotocopia do seu DNI.