Os Premios María Luz Morales abren o prazo de recepción de candidaturas para a súa X edición

3 / 12 / 2025

A décima edición dos Premios María Luz Morales de Ensaio e Vídeoensaio sobre o Audiovisual está en marcha. O prazo de recepción de traballos está aberto ata o día 4 de maio de 2026. Organizados pola Academia Galega do Audiovisual, e apoiados polas catro deputacións provinciais, teñen como obxectivo impulsar a produción académica relacionada co ámbito audiovisual.

A convocatoria deste ano reafirma o seu compromiso coa excelencia académica e a diversidade de temas abordados neste ámbito. Dende a súa creación, os Premios María Luz Morales estimularon a produción de máis de 190 traballos de investigación en materia audiovisual, dos cales 50 foron premiados. Temas como o feminismo, a representación feminina, o cinema experimental, a estética queer, a análise de películas e series, e o paisaxe e territorio  na obra audiovisual, foron recorrentes entre os traballos premiados.

O certame conta con catro categorías:

  • Mellor ensaio escrito sobre audiovisual galego.
  • Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional.
  • Mellor videoensaio sobre audiovisual galego.
  • Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional.

Todos os traballos deben presentarse en lingua galega e o gañador de cada categoría recibirá un trofeo conmemorativo e unha dotación de 1.200 euros. As bases para participar la X edición dos premios poden consultarse na web da Academia. Os premios levan o nome da xornalista María Luz Morales en recoñecemento ao seu legado. Esta intelectual e pioneira da crítica cinematográfica española foi a primeira muller en dirixir un xornal de ámbito estatal. Republicana e figura destacada na defensa dos dereitos das mulleres, mantívose en activo ata os 91 anos de idade.

Categoría: Novas
Etiquetas: