O III Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA) pon o foco na diversidade do audiovisual

22 / 10 / 2025

Academia Galega do Audiovisual, co apoio do Concello da Coruña e a área de cultura da Deputación da Coruña, organiza o III Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), que se celebrará no Espacio Avenida da Coruña e en Cantones Cines entre os días 5 e 7 de novembro e que terá como temática central a diversidade do audiovisual.

Durante tres días, FIGA converterase nun espazo de encontro e reflexión colectiva arredor dos retos que supón construír un audiovisual máis plural e inclusivo. Os contidos están programados pola xestora cultural Salima Jirari, especializada en diversidade, igualdade e inclusión, asesora de proxectos en desenvolvemento con perspectiva de xénero, diversidade e interseccionalidade.

O programa combina proxeccións de curtametraxes e longametraxes, mesas redondas e ponencias, nas que destacadas voces do sector galego e estatal compartirán experiencias e boas prácticas. Entre os asistentes confirmados figuran profesionais como Nati Juncal, Bea Saiáns, Miguel Canalejo, Xiana do Teixeiro, Eva Libertad, Ian de la Rosa, Lucía Estévez, Charli Bujosa, Laura Galán, Kathy Sey ou Salima Jirari directora de contidos desta edición.

A creadora e performer interdisciplinar Nuria Vil será a encargada de conducir o acto inaugural do FIGA e de presentar o seu espectáculo Flúor significa escuridade, unha peza escénica que combina performance, poesía e música electrónica.

Nesta terceira edición, a Academia Galega do Audiovisual propón activar un espazo de encontro e reflexión colectiva arredor dos retos e oportunidades que supón incorporar a diversidade como eixo central da creación, da produción e da representación.

O programa abordará cuestións como a representación diversa, a igualdade de xénero, a inclusión de persoas con discapacidade, e novas perspectivas na produción e no casting. Tamén haberá mesas redondas sobre novos roles emerxentes no audiovisual como a coordinación de intimidade e o impacto da diversidade en todas as fases de produción. Destaca tamén a proxección de dous filmes o xoves e o venres, Sordacandidata a representar a España nos Premios Oscar, o filme aborda a vida e os retos dunha muller xorda nunha sociedade adaptada á audición. A directora Eva Libertad acompañará a proxección. O seguinte título será La Furiaprotagonizado por Ángela Cervantes e Àlex Monner. O filme é un drama español que segue a Álex, unha xoven actriz que sofre unha violación e canaliza o seu trauma a través do teatro e a interpretación de Medea e a proxección estará acompañada pola actriz Ángela Cervantes e a produtora Mireia Graell.

As entradas para asistir ao foro terán un custo de 5 euros diarios en concepto de reserva de praza, que deberán aboarse ao completar o formulario de inscrición. Esta cantidade actúa como garantía de asistencia e será devolta integramente ás persoas que finalmente acudan ao evento. Deste xeito, búscase asegurar unha correcta planificación do aforo e unha maior responsabilidade na xestión das prazas dispoñibles. O formulario de inscrición está dispoñible desde hoxe na web da Academia Galega do Audiovisual.

Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual realizada grazas ao apoio do Concello da Coruña e a área de cultura da Deputación da Coruña, que conta nesta edición coa colaboración de ABANCA.

Categoría: Novas
Etiquetas: