O CINEASTA MARTÍN CUENCA PROTAGONISTA DO “COLOQUIO NA LEIRA” DO VI FESTIVAL DE CANS

15 / 05 / 2009

Un ano máis, o Festival de Cans inclúe na súa programación o “Coloquio na leira” que nesta edición terá como protagonista a Manuel Martín Cuenca, director de filmes como “La flaqueza del bolchevique” , “Malas Temporadas” ou o documental “Carrillo, último testigo” que ven de ser presentado no Festival de Málaga, e que está sendo proxectado nos cines.

Martín Cuenca estará acompañado de Antonio Durán “Morris” actor co que traballou varias veces e xuntos abrirán o coloquio sobre se “¿de verdade se pode dirixir ós actores?” . Martín Cuenca é un cineasta cunha ollada diferente e está considerado un especialista na dirección de actores. As súas ordes traballaron en diversas películas actores da talla de Luis Tosar, Javier Cámara, María Valverde ou Leonor Watling.

Os coloquios na leira son unha das actividades mais seguidas polo público do Festival de Cans, e teñen lugar no medio dunha leira, onde estudiantes, actores, xornalistas, productores ou realizadores debaten sobre o cine arredor dos plantexamentos feitos polo director convidado.

Martín Cuenca ven continuar unha sección na que en anos anteriores estiveron o actor e director Tristán Ulloa, ou o director vasco Juanma Bajo Ulloa, o pasado ano. A pesar da chuvia, o coloquio de Bajo Ulloa na última edición trasladouse ó local parroquial, que estivo atiborrado de público, e arredor de 200 persoas seguiron un interesante coloquio, escoitando as opinións críticas do director de “Airbag”.

Durante a mesma xornada, o sábado 23 de maio ás 11.00h, un pouco antes do coloquio, proxectaranse no Jalpón Friki algúns traballos do director como a curtametraxe “Nadie (Un cuento de invierno)”, que recibiu numerosos galardóns en festivais de curtametraxes e o proxecto documental inacabado “Evo, el hambre no puede esperar”, sobre a traxectoria política de Evo Morales e o seu camiño cara a presidencia de Bolivia. Martín Cuenca gravou durante varios meses a Evo Morales, antes de ser proclamado presidente de Bolivia. É unha peza inédita que o director ten a deferencia de mostrar ó público do Festival de Cans.

VENTA DE ENTRADAS

Tamén hai que lembrar, que este mércores, día 13, a partir das 12 do mediodía póñense á venda en Internet 150 packs de entrada mais camiseta do Festival  de cans, ó prezo de 14 Euros. As entradas pódense adquirir na web do festival www.festivaldecans.com . As 450 entradas restantes venderase no local parroquial de Cans o vindeiro venres, día 15, a partir das 21,00 horas, según rigorosa orde de chegada. En ámbolos dous casos, só se venderán un máximo de 2 tickets por persoa.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: