NOVAS DO SECTOR: SAE Á VENDA A BSO DE DE PROFUNDIS, COMPOSTA POR NANI GARCÍA E INTERPRETADA POLA OSG

17 / 04 / 2007

Dende este mes de abril está xa á venda a música orixinal de De Profundis, a película de animación dirixida por Miguelanxo Prado e producida por Continental Animación, Desembarco Producións e Zeppelin Filmes. SAE Á VENDA A BSO DE DE PROFUNDIS, COMPOSTA POR NANI GARCÍA E INTERPRETADA POLA OSG

A DISCOGRÁFICA CORUÑESA XINGRA EDITA A MÚSICA DA PELÍCULA DE ANIMACIÓN DIRIXIDA POR MIGUELANXO PRADO

DE PROFUNDIS PROXECTARASE CON MÚSICA EN DIRECTO NO OCEANOGRÁFICO DE VALENCIA O VINDEIRO MES DE XUÑO

Queremos informarche de que dende este mes de abril está xa á venda a música orixinal de De Profundis, a película de animación dirixida por Miguelanxo Prado e producida por Continental Animación, Desembarco Producións e Zeppelin Filmes. É dunha banda sonora moi especial ao tratarse dunha película sen diálogos, de tal forma que a entidade narrativa da música é superior á dunha película tradicional, levando o peso da narración cunha intensidade equiparable á das imaxes.

Para elo o músico Nani García e o artista Miguelanxo Prado desenvolveron un proceso creativo conxunto, que durante catro anos foi dando forma ao que hoxe supón unha das obras máis singulares da animación. Proba delo é a expectación creada dende a súa primeira presentación no pazo da Ópera de A Coruña, onde tivo lugar a estrea coa música interpretada en directo polo coro Cantábile e a Orquestra Sinfónica de Galicia. Dende entón foron varias as peticións para reproducir o mesmo espectáculo en varios lugares do mundo, e a primeira concretarase os vindeiros días 20, 21 e 22 de xuño no Oceanográfico de Valencia, coa interpretación en directo da partitura pola Orquestra Sinfónica da Universidade de Valencia.

Mentres, e como anticipo á próxima edición especial do DVD por parte da distribuidora Cameo -con contidos exclusivos nunha peza de coleccionista-, a discográfica galega Xingra (www.xingra.com) lanza en cd a banda sonora da película, que se pode adquirir xa nas tendas e a través da súa páxina web. Ésta foi gravada baixo a dirección de Rubén Gimeno pola Orquestra Sinfónica de Galicia nos estudios Mans Scoring Stage de A Coruña e misturada nos estudios Bruar. Trátase de máis de 75 minutos de música que ademais inclúe a peza composta ex profeso para o tráiler, así como a canción principal da película Soños de Auga interpretada pola soprano Ainhoa Arteta e Carmen Rey. Tamén interviñeron na gravación profesionais como David Etheve, Javier Ferreiro e Xan Cerqueiro do grupo Luar na Lubre, así como algúns músicos locais.

Nani García é un músico con longa traxectoria no eido da música para películas, series, obras de treatro, danza, documentais, etc. Foi nomeado por esta película aos Premios da Crítica de Música Cinematográfica e obtivo varios premios Mestre Mateo.

Pola súa banda De Profundis foi nomeada aos Goya a mellor película de animación e reúne 8 nominacións á próxima edición dos Premios Mestre Mateo.
Convidamosvos a visitar a súa páxina web, que recentemente obtivo o premio Eganet na categoría Net Art: www.deprofundislapelicula.com

Se precisas máis información ou queres que che enviemos unha copia promocional do cd podes poñerte en contacto con Alberto Pereira respotando a este correo ou no número 655 418 971.

Etiquetas: