A Academia Galega do Audiovisual anunciou hoxe os nomes dos galardoados na novena edición dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual. Nesta edición, recoñecéronse dous videoensaios e tres ensaios escritos, que recibirán un trofeo e unha dotación económica. Esta iniciativa pioneira conta co respaldo das catro deputacións galegas.
A entrega de premios tivo lugar na Deputación da Coruña e nela estiveron presentes Lucía Regueiro, en representación da Academia Galega do Audiovisual; Natividade González, deputada de cultura da Deputación da Coruña; Iria Castro, deputada responsabel da Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo; César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e Jorge Cubela, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra.
O acto de entrega de premios estivo amenizado pola actuación musical do dúo Lula Mora, liderado por Sara Caride e Silvia Izquierdo.
Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego, o premio foi para “Bowery New York: unha alfaia do cinema galego”, de Xurxo González. O xurado valorou a orixinalidade do tema, a investigación sobre unha cineasta que podería ser a primeira de Galicia e a aposta por saírse do canon establecido, reivindicando o cinema amador desde unha perspectiva feminina.
O premio ao Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional foi para “A estética queer, o camp e as distintas formas de representación transxénero no audiovisual contemporáneo”, de Valeria Gómez, destacando o xurado o rigor da súa investigación, a capacidade de conectar filmes descoñecidos con outros de culto ou populares, e a reflexión profunda sobre a evolución do cinema queer e a estética camp na contemporaneidade. Nesta mesma categoría, o accésit correspondíu a “Antes de que o mundo aconteza. A memoria mineral dentro do cine experimental”, de Aldara Pagán, pola aproximación innovadora ao cinema experimental, atendendo aos elementos non humanos e ofrecendo unha perspectiva poética e orixinal sobre o audiovisual das marxes.
Na categoría de Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional o recoñecemento recaeu en “Jean Epstein: unha inmensidade de mar. O cinema como marea e pensamento”, de Adrián Canoura, polo coidado na montaxe, a combinación de imaxes, son e pantalla partida, e a capacidade de transmitir a fascinación do cineasta polo mar e a súa filosofía cinematográfica. O accésit desta categoría foi para “Bong Joon-ho e a comida”, de Ione Monje, que ofrece unha análise sociolóxica e política sobre a relación dos personaxes coa comida na obra do director surcoreano, realizada cunha montaxe coidada e reflexiva.
O xurado desta novena edición estaba formado pola programadora de artes visuais e plásticas Andrea Franco, a directora, montadora e investigadora Ariadna Cordal e o programador Julio Vilariño.
Estes premios contan co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, a Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Deputación de Ourense e a Deputación de Pontevedra.

