Fátima Davite: “Temos talento de sobra pero estamos a exportalo”

27 / 12 / 2021

En 2022 estréase Luck, unha película de animación producida por Paramount Pictures e Skydance Animation, que conta con Whoopi Goldberg e Jane Fonda poñendo a voz dos personaxes protagonistas. No equipo atopamos a unha galega, Fátima Davite Aguiar. Empezamos a conversa con ela preguntándolle polo seu traballo en Skydance, concretamente pedímoslle que nos explique que é unha Senior Artist de Character Fx: “resumindo… somos os perruqueiros e os xastres das personaxes que aparecen nas películas de animación ou efectos especiais. Encargámonos de facer o pelo e mais as roupas das personaxes, dotar aos tecidos e os cabelos de movemento. Por exemplo, cando o personaxe se move facer que as súas roupas se engurren ou, se hai vento, que o seu pelo se mova”.

Cando soubeches que querías dedicarte a isto?

Lembro estar vendo o filme O señor dos aneis de pequecha co meu irmán e pensar o que me flipaban os entornos xerados por ordenador. Obsesioneime moitísimo e pensaba para min “eu de maior quero traballar facendo pelis que teñan efectos”. Cando estaba a facer a carreira nun principio quería ser modeladora ou texturizadora, pero unha vez vin o traballo de simulación de Characeter FX, foi o que máis me enganchou. 

«`[No departamento de Character Fx] somos os perruqueiros e os xastres das personaxes que aparecen nas películas de animación ou efectos especiais. Encargámonos de facer o pelo e mais as roupas das personaxes, dotar aos tecidos e os cabelos de movemento».

Fátima Davite, Senior Character Fx Artist

Cal cres que é o estado do sector da animación en Galicia?

Despois de vivir unha etapa na que Galicia estaba situada no mapa da animación en Europa, agora existen outros puntos máis marcados no mapa e Galicia está practicamente na sombra. Unha mágoa, pois moitos pioneiros galegos tiveron que facer o que fixeron moitos dos nosos avós, emigrar a outros puntos do globo para seguir traballando no sector.

A pesar de traballar en empresas como Illion Estudios, Able & Baker ou Artella, e formar parte de proxectos como  Blush, Wonder Park e Love, Death and Robots (The Dumps), non deixaches de lado a túa labor docente na Facultade de Ciencias de Comunicación da UDC. Cómo ves ás novas xeracións de animadoras e animadores? 

O bo que teñen é que, se queren, poden partir cuns coñecementos máis sólidos que as xeracións anteriores; a oferta formativa é moito maior e especializada. Quen me dera no seu momento poder ter as oportunidades que teñen agora!

Fotograma de Love, Death and Robots (The Dumps)

Qué cres que é preciso para que os futuros universitarios teñan en conta o mundo da animación e as súas posibilidades?

Moitas ganas de aprender e adicarlle moito tempo. É un sector artístico pero a súa vez, técnico. Que non teñan medo porque a parte técnica a base de traballo serán capaces de conseguila, pero, sobre todo, que nunca perdan esas ansias de aprender, pois é un sector que evoluciona súper rápido. Pode que aprendan a manexar unha tecnoloxía e que tras uns anos, xorda unha tecnoloxía/software novo e se teñan de adaptar, pero ao xa coñecer os alicerces será máis doado poñerse ao día.

Cres que a Academia fai unha boa promoción de proxectos de animación a través de entregas de premios ou de qué maneira cres que se podería mellorar?

Para mellorar a promoción é preciso ter contidos que poder promocionar. É unha mágoa que co tirón que tivo Galicia no sector da animación agora soamente queden algúns loitadores que fan o que se pode. Penso que, para que os proxectos cheguen a porto, se precisa unha man que financie ou que xurdan incentivos fiscais como están a facer noutras comunidades. Temos talento de sobra pero estamos a exportalo.

Agora estase a incrementar a oferta de formación en Galicia de cara ao sector da animación co cal, agardamos que nun par de anos, comecemos a ver engrosada a produción de animación galega, pero para que iso chegue a bo fin necesítanse máis ingredientes neste caldo. 

«Para que os proxectos cheguen a porto, se precisa unha man que financie ou que xurdan incentivos fiscais como están a facer noutras comunidades».

Fátima Davite, Senior Character Fx Artist

Traballaches en grandes producións como Love, Death and Robots ou Blush e tamén en proxectos máis independentes, é diferente a túa implicación ou o traballo que desenvolves é similar, independentemente do orzamento? 

A implicación sempre é a mesma. Somos un equipo que ten que remar na mesma dirección para que os proxectos cheguen aos espectadores. Tes que tentar dar o mellor de ti, coa mellor calidade para os tempos que se manexan nas producións.

Que nos podes contar de Luck

Pouca cousa podo contar, simplemente o que xa se sabe que está publicado na web corporativa de Skydance ou en Imdb. Un filme de animación que sairá a luz en Apple Tv dirixida por Peggy Holmes. Traballei no departamento de Character Fx como Senior Artist, preparando aos personaxes para que cando os vexades en pantalla sexan o máis cribles posibles no tocante ao pelo e as teas.

Fotograma de Luck.

De todos os proxectos nos que traballaches, cal é do que máis orgullosa estás ou cal ten un significado máis especial para ti? 

Todos teñen un aquel especial por unha cousa ou outra. Quizais no proxecto de Love, Death and Robots para o estudo Able&Baker, xa que, sendo un equipo moi reducido de xente, conseguiuse acadar un resultado de estudos moi grandes e moito máis coñecidos por todo o mundo. E sobor de todo xa que é un proxecto para un público máis adulto e se deixa de lado ese estigma de que a animación é só para cativos.

Categoría: Entrevistas / Novas
Etiquetas: