Andrea Villa: “ Agradezo moito poder levar unha década traballando en cultura”

2 / 06 / 2021

Conversamos Andrea Villa cando a duodécima edición de (S8) Mostra de Cinema Periférico chega ao seu ecuador, unha cita da que a nosa asociada é a encargada da xefatura de prensa e do desenvolvemento e presentación de contidos online.

Da presente edición destaca o Foco Sinais, cunha extensa entrevista que lles fixo a Helena Girón e Samuel Delgado e que se pode ver na web da Mostra; o programa adicado a Val del Omar co seu Tríptico elemental de España proxectado en 35 mm na Filmoteca de Galicia o vindeiro 5 de xuño; os Desbordamientos, film performances que terán lugar na Fundación Luis Seoane; e o Camera Obscura online dedicado a David Domingo.

Falamos con ela da Mostra e tamén dos numerosos proxectos de comunicación dos que formou parte recentemente. Este ano, sen ir máis lonxe, foi a encargada da comunicación de dúas das gañadoras dos XIX Mestre Mateo, Ons e Nación e dunha das estreas máis exitosas do ano, Cuñados.

Como foi a experiencia de comunicar a estrea dunha película en pandemia?

Si, en Nación formei equipo con Julia Sánchez e en Ons con ela e María Yáñez, que son dúas profesionais coas que me encanta traballar. A verdade é que me alegra moito ver como os filmes galegos comezan a contratar comunicación propia para a súa promoción feita tamén dende Galicia e para o resto do mundo. Nestes dous casos falamos de películas que se estrearon en festivais estatais con restriccións de viaxe dos equipos de dirección, así que non estiveron presentes para poder acompañar o seu filme ante o público. Dende os equipos de comunicación tocou poñernos creativas: conexións dende Galicia, accións creativas e segmentadas e redes, materiais exclusivos para xerar expectación,  a creación de eventos especiais, o respaldo de prescriptores e prescriptoras para que o filme viñese avalado polo seu propio público a través do boca-orella…

En Cuñados, co que traballamos a difusión dende Portocabo man a man con Filmax, o caso foi distinto porque a situación sociosanitaria era diferente e un pouco menos restrictiva, con aforos máis amplos. O filme fíxose coa finalidade de ir directamente a salas, non se moveu no circuíto de festivais, así que enfocamos a promoción cunha carga alta de difusión en redes e un traballo moi intensivo cos medios -tanto xeralistas como especializados- para poder chegar a todos os públicos, que era o obxectivo do filme ao ser unha comedia costumbrista e familiar. 

“Alegra moito ver como os filmes galegos comezan a contratar comunicación propia para a súa promoción feita tamén dende Galicia e para o resto do mundo”.

Andrea Villa, encargada de comunicación.

Desde 2019 traballas para Portocabo na comunicación de proxectos para grandes plataformas como Hierro (Movistar +) ou Auga seca (HBO). Que diferencia hai entre traballar para estes proxectos e para outros máis modestos ou de ámbito máis restrinxido?

É máis difícil comunicar proxectos pequenos, non só por magnitude, senón porque ás veces tamén se dirixen a un público máis reducido e hai que facer un esforzo maior coa prensa ao non ter o que se denomina «primeiras espadas» -que é xente famosa, vaia-. Aínda así é moi satisfactorio poder traballar neste tipo de produccións, unha das cousas que máis me gusta do meu traballo é sentir que podo axudalos a crecer.

No caso de Hierro, Auga seca ou incluso Vidago Palace -que tamén forma parte do catálogo de HBO- traballamos, ao igual que con Cuñados, para públicos finais moito máis amplos e con caras xa coñecidas polos espectadores e espectadoras. Isto axuda á difusión do proxecto de base e ademais, contar co respaldo dos equipos de comunicación de Movistar + ou HBO España e Portugal fai que a coordinación teña que ser extrema pero que os resultados sexan fantásticos.

Andrea Villa. Fotografía: Mar Catarina e Rubén Domínguez

Estás encargándote, por terceiro ano consecutivo, da xefatura de prensa e o desenvolvemento e presentación de contidos online para o S8-Mostra de Cinema Periférico. Como afrontastes en 2020 a edición dual do festival?

Eu feliz, porque me encanta todo o dixital, como consumidora e como canle para difusión dos contidos dos proxectos. Paréceme que as posibilidades a nivel creativo son infinitas e sempre que podo aproveito para explorar e ver como reacciona o público ante cousas novas.

No caso do (S8) o ano pasado, artellouse unha edición dual que tivo lugar tanto de xeito puntual na Coruña como na rede, que se convertiu da sede principal da Mostra. Dende o equipo actuamos como unha produtora de contidos propios para poder divulgar a creación contemporánea a nivel internacional, que era o principal obxectivo para esa edición. Cun festival que estaba practicamente listo para comezar no mes de maio, a organización actuou en tempo récord para idear novos formatos para a rede que produciron, gravaron e editaron para emitir en streaming sempre en galego, castelán e inglés.

Foi unha oportunidade boísima para repensar, xogar e renovar enerxías nunha época na que tiñamos o ánimo un pouco baixiño.

“Encántame todo o dixital, como consumidora e como canle para difusión dos contidos dos proxectos. Paréceme que as posibilidades a nivel creativo son infinitas”.

Andrea Villa, encargada de comunicación

A pesar da túa xuventude, eres, posiblemente, unha das persoas que máis sabe de festivais en Galicia: Novos Cinemas, Cans, OUFF, Curtocircuíto, Carballo Interplay, o devandito S8… cal é a parte que máis che gusta, e a que menos, da comunicación de festivais?

A verdade é que agradezo moito poder levar unha década traballando en cultura, porque iso permitiume poder desenvolver capacidades para afrontar a comunicación dende postos moi diversos: coordinación de equipo, relación con institucións, contidos, prensa, xestión de redes sociais… e tamén ter unha perspectiva transversal dos eventos. Todo dun xeito moi orgánico.

Gústame poder formar parte do proceso ao inicio e axudar a artellar e a construír o produto final. O que podo botar máis de menos é que ás veces os equipos de comunicación chegamos tarde aos proxectos, non temos sempre un control xeral sobre a área para manter a coherencia de toda a comunicación ou non podemos dedicarlle a todas as películas do festival todo o tempo que me gustaría, porque non hai máis, literalmente.

Ás veces tamén sinto que todo está pasando ás miñas costas porque ao traballar no evento, non podo gozar del nin ver case ningunha proxección, pero se o público, a prensa e os convidados e convidadas están felices é que todo está indo ben. Os festivais con para a xente.

Un dos primeiros eventos nos que traballaches foron os Mestre Mateo, en 2014, como meritoria, ata o 2019 no que te encargaches da coordinación de comunicación. Como foi a experiencia?

Si! Nesa época viña de rematar a licenciatura en xornalismo e e estaba estudando produción. Como xa fora bolseira de Zigzag Diario, apeteceume moito facer esa meritoriaxe para deixar de estar do lado da prensa tradicional nos eventos… e ata hoxe.

Con respecto aos Premios, cada ano foron dándose pequenos pasiños que axudasen á difusión dixital do evento: lémbrome de que nese 2014, ao chegar á oficina preguntáronme que quería facer ese día e pedinlles facer unha conta de Instagram. Así naceu o perfil de Instagram da Academia, que inaugurei esa mesma noite dos Mestre Mateo.

Tamén recordo con cariño o primeiro streaming de alfombra vermella que fixemos xunto a Pablo Lamosa alá polo 2015 ou a newsletter para asociados da AGA que implantamos Sonia Díaz e máis eu. Por aquel entón non eran cousas moi habituais e, co paso do tempo, vemos que si que foron de utilidade, que serviron para afianzar o proxecto e que hoxe en día son xa imprescindibles.

Cal consideras que foi a evolución do sector audiovisual en Galicia, e a dos propios premios nestes ultimos anos?

Sobre o sector audiovisual en Galicia, nas propias candidaturas finalistas nos Mestre Mateo dos últimos anos vese unha clarísima tendencia a que cada vez haxa máis producións que se fan dende aquí para outros lugares do mundo, en parte grazas ás plataformas dixitais. Tamén unha profesionalización en candidaturas que antes estaban nacendo, como é o caso das series web. Ademais, eu que consumo moitos contidos dende Internet, vexo unha hibridación cada vez máis grande nalgunhas categorías: para min é o mesmo unha serie que se fai para Netflix, que unha serie que se fai para Antena 3, que unha serie que se fai para Playz, por exemplo.

Como asociada da Academia, cal consideras que debe de ser a función dos Premios Mestre Mateo? 

Os Mestre Mateo funcionan cada ano como punto de encontro do sector audiovisual e está ben, porque é necesario confluír para compartir. Seguramente por deformación profesional, penso que a súa principal función ten que ser a de dar a coñecer as obras feitas en Galicia no último ano ao público xeral, que probablemente non puido acceder a elas doutro xeito (falta de distribución, distribución nun número de salas moi pequeno…). Ás veces nos Premios sinto que nós mesmas somos o noso propio público e creo que o noso gran reto é ese: que a difusión das obras dos nosos creadores e creadoras sexa cada vez un pouquiño maior e chegue a persoas de natureza e contextos máis diversos.

Andrea Villa. Fotografía: Aigi Boga

En 2017 fuches unha das protagonistas de Papeis da Academia no monográfico Nacidos despois de Sempre Xonxa. Que lembras daquela experiencia?

Foi un encontro ben lindo do que aínda falo coas miñas compañeiras hoxe en día. Estivo ben poder reunirnos persoas que traballamos no audiovisual dende distintas áreas e que, hoxe en día, ata traballamos xuntas. Por exemplo, comparto traballo en Curtocircuíto e Novos Cinemas con Brais Romero, compartín a rodaxe dunha serie con Mar Catarina, comparto traballo no Carballo Interplay con Jorge Boquete, entrevistei a Adrián Canoura para a pasada edición do (S8), sigo de preto o traballo de amigas como Silvia Fuentes, Anxos Fazáns ou Óscar Cruz… É bonito ver como cada un foi crecendo e facendo o seu camiño. Eu, que sempre traballo “detrás dos eventos”, agradecín tamén que alguén me ofrecese un espazo para falar sobre o que penso, as miñas inquedanzas ou o que me gusta.

Que consello lle darías a unha persoa que desexe dedicarse á comunicación cultural en Galicia?

Pode facelo de xeitos distintos: como axencia ou como freelance. Eu, por exemplo, escollín polo momento a opción do freelancismo porque sinto que cada proxecto polo que paso ao longo do ano me axuda a medrar e a aprender moitísimo a nivel de contidos e a desenvolver diferentes capacidades. É unha aprendizaxe constante e intensa. 

Como consello, a min gústame rodearme sempre de bos equipos, tanto a nivel profesional como personal. Un perfil de deseño, de fotografía ou de distintas áreas do departamento de comunicación nos que confíes para poder traballar en rede van ser sempre os mellores aliados. Con isto a un lado, quero poñer o aceno no que comento de xente xenerosa a nivel personal: neste tipo de eventos sempre hai moitos imprevistos, algunha que outra miseria e horarios infinitos, así que compartilo con xente que coida de ti e que tamén se deixa coidar é algo ao que non renunciaría nunca.

Categoría: Entrevistas / Novas
Etiquetas: