Televisión de Galicia pon en marcha hoxe a súa nova programación de outono, na que regresan os programas e series máis seguidos, e estréanse outros espacios que reforzarán a aposta da canle autonómica co entretemento, a divulgación e a ficción autóctona. Tamén esta semana se inicia a nova tempada de informativos.

Hoxe luns 17 de setembro, comezará unha nova tempada da serie Padre Casares, unha das ficcións máis exitosas na historia da TVG, que regresa con novos episodios. O martes estrearase Se as vacas falaran, unha nova proposta de programa con historias moi cercanas á realidade galega, que ofrece unha boa dose de entretemento, combinado con humor e esceas extraídas da vida mesma. O novo espazo de TVG recorrerá Galicia en busca das vacas máis parlanchinas, que son capaces de dicir o que a veces os seres humanos non se atreven, ofrecendo un “punto de vista vacún” acerca das alegrías, retos e tribulacións que lles supón convivir cos seres humanos.  O martes tamén seguirá sendo a noite da serie Matalobos, que, despois do seu recente premio europeo á mellor ficción, estreará os seus novos episodios en outubro, se ben xa comezou a quentar motores o 11 de setembro con tres especiais cos que os espectadores terán a oportunidade de recordar algúns dos mellores momentos. O próximo mércores tamén arrancarán os novos programas de Larpeiros, que incluirán non só saborosas receitas, senón que seguirán afondando no carácter social da cociña e da comida e na relación das persoas coas cousas de comer. Xa na fin de semana, recuperará o seu lugar na grella da TVG Era visto!, unha proposta de humor costumbrista galego para os sábados pola noite, inspirada en historias e personaxes do universo rural galego. E os domingos pola noite volverán as aventuras de Escoba!, a primeira comedia de situación da canle pública galega con mulleres como únicas protagonistas, que seguirá desgranando cada un dos aspectos da vida en ton irónico. Ademais, nas próximas semanas volverá á programación da TVG O Clan de los Impostores, máis potente que na súa etapa anterior e cargado de humor, música e un concepto novo de vela vida, con cinco novas caras famosas dispostas a recorrer toda Galicia levando a cabo as experiencias e retos máis asombrosos, ao igual que fixeron os famosos da edición anterior. A finais do mes tamén regresará o mellor humor feito en Galicia, coa estrea da segunda tempada de Tourilandia, un programa conducido por Xosé A. Touriñán e, xa en outubro, estrearase unha das grandes apostas da TVG para esta nova tempada: a serie documental musical No bico un cantar, que se achegará ás obras máis coñecidas da música galega co obxectivo de coñecer a súa historia, con opinións de expertos en diferentes áreas do coñecemento, entrevistas ao pe de rúa, documentación audiovisual de arquivo e tódolos elementos necesarios para contar a historia de cada unha das cancións. Dirixido por Senén Bernárdez e presentado por Arturo Fernández, o equipo de No bico un cantar estará composto por gran parte dos profesionais que fixeron posible o premiado e coñecido programa Alalá. Pola súa parte, nesta nova tempada, TVG2, a segunda canle da Televisión de Galicia, seguirá apostando pola programación infantil (que nesta ocasión contará coa incorporación da serie Os Bolechas), deportiva (con especial atención aos deportistas e equipos galegos) e cultural (coa volta dos programas ZigZag Diario e Eirado).

Os servizos informativos da TVG tamén comezan hoxe luns unha nova tempada, onde a principal novidade é a ampliación do tempo da información en Bos días, que ofrecerá de luns a venres a partir das 8.00h e os sábados a partir das 9.30h as primeiras novas e as previsións informativas da xornada. Presentarano Marga Pazos e Enrique Magdalen, e incluirá no seu seo A entrevista e O faladoiro. A media mañá a quenda será para A revista, con Tati Moyano á fronte e, ao redor das 13.45h, Irene Lama e Raúl Quián continuarán ao fronte do Galicia Noticias Mediodía, un informativo centrado na información máis próxima para os cidadáns galegos. Ás 14.25 horas iniciarase Telexornal Mediodía, o informativo líder de audiencia da TVG, que estará presentado por Fran López Iglesias e Irene Lourido, e con Carlos Macías ao fronte da información deportiva. Dito espazo tamén incrementa a súa duración na nova tempada. A franxa da tarde da TVG reforzarase coa estrea do magazine de actualidade A revista da tarde, no que ao igual que no resto de edicións de A revista, a da mañá e a do fin de semana, a información en directo será un contido fundamental, como tamén as reportaxes e os invitados no estudo de gravación. Este novo espazo, que se emitirá de luns a venres de 19.00 a 20.15h, será presentado por Quique Morales. A franxa informativa da tarde-noite complétase cunha nova edición de Galicia Noticias Serán, ás 20.30h, presentado por Almudena R. De Urzáiz, e a continuación, ás 21.00h, o Telexornal Serán, presentado por Marta Darriba. Polo que respecta á fin de semana, Ana Pérez e Xaime Arias, xunto a Carlos García Verdugo no tempo do deporte, faranse cargo dos telediarios de Mediodía e Serán, mentres que A revista Fin de Semana, ás 12.30h, será presentada por Lorena Pose. A oferta informativa da Televisión de Galicia completarase, unha tempada máis, cos programas semanais Foro Aberto (que se emitirá os luns pola noite, presentado por Carlos Luís Rodríguez) e Reporteiros (os sábados, dirixido por Alfonso Pérez e presentado por Encina Ramos), onde volverán ser protagonistas o debate e a información de actualidade en profundidade, respectivamente.