SESIÓN DE DUNCAN CAMPBELL NA SECCIÓN FÓRA DE SERIE DO CGAI

19 / 11 / 2013

Mañá mércores, día 20 de novembro ás 20.30h terá lugar a proxección das pezas “Bernadette” e “Make it new John” de Duncan Campbell no CGAI, dentro da sección Fóra de Serie. BERNADETTE

(Reino Unido, 2008)
Dirección, guión e fotografía: Duncan Campbell. Produción: Lux. Duración: 37 minutos.
Aproximación aos anos 60/70 do século pasado e á figura da activista irlandesa (Ulster) Bernadette Devlin, republicana e socialista, deputada no Parlamento Británico con 21 anos e primeira muller na Cámara dos Comúns. Entrevistas, material de arquivo, imaxes propias e mais animación minimalista para un filme político que desvela outra realidade histórica.

MAKE IT NEW JOHN
(Reino Unido, 2011)
Dirección e guión: Duncan Campbell. Produción: Chisenhale Gallery, Film and Video Umbrella e Tramway. Fotografía: Martin Testar. Duración: 51 minutos.  
DeLorean foi un popular automóbil –inmortalizado no filme Regreso al futuro (1985)- sobre o que constrúe Duncan Campbell outro dos seus documentais políticos. O meteórico ascenso e caída do creador da empresa nos primeiros anos 80 en contraste coa vida dos traballadores da planta de Belfast, un feito de plena actualidade que Campbell aproveita, cunha áxil mestura de materiais, para parodiar o mito da mobilidade estadounidense, as orixes endémicas das crises capitalistas e a cobiza do noso sistema.

Categoría: Noticias
Etiquetas: