A Gala dos Mestre Mateo pon o peche de ouro á edición máis seguida da súa historia

12 / 04 / 2021

  • A emisión da Gala por TVG conquista a 84.000 espectadores, un 11,3% de audiencia.
  • A programación en streaming da presente edición obtivo máis de 7.000 visualizacións.

A Gala dos Mestre Mateo celebrada o sábado puxo o peche de ouro á edición máis vista dos premios, unha aposta pola visibilización e a posta en valor dos e das profesionais que conforman o sector con eventos presenciais e en streaming

Lucía Veiga presentou un espectáculo que reivindicou a seguridade dos eventos culturais, que foi emitido en directo por TVG e visto por 84.000 espectadores, cun 11,3% de audiencia, converténdoo no segundo programa máis visto na súa franxa horaria en toda Galicia. Unha celebración atípica por mor das restricións da pandemia, en horario diurno, na que non faltou o humor da presentadora Lucía Veiga e contou coa música en directo de De Vacas. 

Semanas de actividades presenciais e en streaming

Como novidade este ano, a Academia Galega do Audiovisual organizou un ambicioso programa de actividades en streaming que obtiveron máis de 7.000 visualizacións. Por unha banda, as 15 #ConversasCandelasMestreMateo, que reuniron a representantes de todas as candidaturas finalistas, visibilizando o traballo dos distintos oficios que compoñen o sector. Por outra, #Diarioderodaxe presentado por María Mera, quen conversou cos equipos das 4 longametraxes finalistas nos XIX Mestre Mateo. As conversas foron seguidas en directo polo público asistente ás proxeccións no Teatro Colón da Coruña e están dispoñibles na canle de YouTube da Academia.

A oferta de actividades en streaming completouse coa emisión en YouTube e Facebook Live de O recibidor dos Mestre, un programa especial presentado por Marta Doviro con entrevistas ás persoas asistentes á Gala. 

A Gala celebrada no Teatro Colón non foi a única actividade presencial da XIX edición dos premios, que levaron os filmes finalistas na categoría de mellor longametraxe a diversas localidades; foron proxectadas no Teatro Colón da Coruña, no marco da II Semana do Cinema Galego, na Casa da Cultura de Cee, na Casa da Xuventude de Foz e proximamente en Vilalba e Chantada en salas con capacidade limitada. 

O impacto na comunicación 

A Gala dos Mestre Mateo é o evento de referencia do sector audiovisual galego e, cada ano, desperta expectación entre profesionais, medios de comunicación e público xeral. Á salientable repercusión en medios de comunicación tradicionais hai que engadir un incremento dun 23% nos impactos en redes con respecto á edición de 2020.  

Este éxito na difusión e visibilización do talento audiovisual galego non sería posible sen a participación das institucións públicas e os patrocionios das empresas que apostaron, nun ano especialmente complicado, por continuar apoiando a cultura:

Concello de Coruña, Deputación da Coruña, Televisión de Galicia, Agadic-Xunta de Galicia-Xacobeo21

Cega Audiovisuales, Cafés Candelas, Deleite, Gadis, Paco & Lola, Aisge, Trevisani, Galicia Calidade, Javier Quintela Atelier, Pombo Decoración e a todas aquelas persoas e institucións que co seu traballo fan posibles os Premios Mestre Mateo.

Etiquetas: