Encontros Mestre Mateo 2013

Un ano máis, con motivo da XI edición dos Premios Mestre Mateo, leváronse a cabo os encontros entre os nomeados e as distintas escolas de Imaxe e Son de Galicia.
Como tódolos anos, poderíamos dicir que os Encontros Mestre Mateo contan con dúas fases. A primeira, é unha fase de visionado das obras que formarán a mesa, e a segunda o coloquio de ditos nomeados nas propias escolas.
A segunda parte, poderíase dicir que é a mais importante, xa que futuros traballadores da industria audiovisual poderán resolver todas as súas dúbidas con profesionais deste sector.

Este ano tiveron lugar dende o 12 o 18 de marzo, comezando polo IES Virxe do Mar de Noia, cunha mesa sobre o departamento de Fotografía. Esta mesa estivo composta por Lucía Catoira, directora de fotografía da curtametraxe “Anacos”, Isabel Rega, auxiliar de cámara da longametraxe “Invasor”, 2º auxiliar de cámara da longametraxe “Lobos de Arga”, e foquista do spot “Sairemos como galegos” e Alfonso Vázquez, director de fotografía do documental “100% CEF”.

O mércores 13 de marzo estivemos na escola de Imaxe e Son de Coruña cunha mesa dedicada á Realización. Neste caso, estivo composta por: Xavier Jácome, nomeado a mellor realizador por “Lendas vivas”, Marta Piñeiro, directora de “Padre Casares” e “Matalobos,” nomeadas a mellor serie, e Ruperto García por “Os Bolechas” nomeada a mellor serie.

O xoves 14 de marzo tivemos dúas mesas simultáneas en Vigo. Unha no IES Audiovisual de Vigo, e outra na Escuela de Imagen y Sonido de Vigo e Escuela Superior de Artes Cinematográficas de Galicia.

No IES Audiovisual de Vigo, formouse unha mesa sobre Produción, composta por Helena Ocampo, produtora do documental nomeado “100%CEF”, Tomás Conde, produtor da curtametraxe de animación finalista “Equilibrium” e Juan Galiñanes, realizador e produtor do nomeado anuncio publicitario “O viño que sabe a festa, Festa do Albariño”.

E por outro lado a mesa de Curtametraxes e Videoclips na Escuela de Imagen y Sonido de Vigo e Escuela Superior de Artes Cinematográficas de Galicia, formada por Xacio Baño, director de “Anacos” , nomeado á mellor curtametraxe; Sonia Méndez, directora de “Conversa cunha muller morta”, nomeada á mellor curtametraxe; Jorge Saavedra director de “Mr. Smith and Mrs. Wesson”, nomeado á mellor curtametraxe; Enrique Otero, produtor dos videoclips “Fendendo Hachas de Talabarte”, “Un Piato de Banda Crebinsky”, nomeado á mellor videoclip; e Xacome Alcántara e Sergio Rotea polo videoclip “Shame on us “ de Holywater, nomeado á mellor videoclip.

O venres 15 de marzo fomos ata Ourense o CIFP A Farixa, cunha mesa dedicada á Produción. Esta mesa estivo composta por Adrián Reza, director de produción de “Galegos no mundo”, nomeado a mellor programa de televisión e Sergio Frade, produtor do documental “A muller do eternauta”, nomeado ao mellor documental.

E finalmente, rematamos esta edición 2013 dos Encontros con outra mesa dedicada á Produción, sendo nesta ocasión na Fundación TIC o luns 18 de marzo. Neste caso repetiu o poñente da mesa anterior Adrián Reza con “Galegos no mundo” pero uníronse Alberto Tomé , xefe de produción de “Invasor” con varias nominacións e Alberto Guntín, produtor executivo de “Matalobos” serie que tamén opta a varias candidaturas.