O PROGRAMA “DOA A DOA” XA TEN ESPAZO NA REDE

17 / 04 / 2009

A serie “Doa a Doa”, producida por IBISAtv para TVG, da o salto á Internet presentando a súa páxina web, www.doaadoa.com. O acto de presentación tivo lugar esta mañá no Clube Internacional de Prensa; interviron a deseñadora da web Uqui/Cebra, o director e produtor executivo da serie Valentín Carrera e a realizadora Yolanda del Campo.

Coa creación deste espazo web IBISAtv quere deixar constancia e presenza na rede do legado dos nosos maiores, que, ao traverso deste programa de televisión, recuperan a memoria histórica dos galegos e a súa tradición oral.

Na web de “Doa a Doa”, entrevistados e espectadores poderán coñecer un pouco máis da serie, obter información de pasados e vindeiros capítulos, mergullarse na galería fotográfica ou descargar sintonías da música orixinal de Faltriqueira no seu móbil. 

Doa a Doa” é un programa que conta, sinxelamente, na voz dos seus protagonistas, pequenas historias de vida que moitos de nós coñecemos polos nosos avós, unha riqueza histórica e documental que se está a perder e que é necesario conservar. Misturando a sabedoría dos vellos coa innovación dos que veñen, IBISAtv decidiu crear un espazo propio na Internet, feito que coincide coa posta en marcha da emisión da cuarta tempada en antena na TVG.

Categoría: Noticias
Etiquetas: