Entre o 21 e o 25 de marzo as rúas de Tui servirán de marco para a primeira exposición que o controvertido artista norteamericano Ron English, realiza en España. O ARTISTA RON ENGLISH CREA EN EXCLUSIVA UNHA EXPOSICIÓN PARA PLAY-DOC.

Entre o 21 e o 25 de marzo as rúas de Tui servirán de marco para a primeira exposición que o controvertido artista norteamericano Ron English, realiza en España.

Ron English é o protagonista da película POPaganda. Arte e Crimes de Ron English dirixida polo realizador venezolano Pedro Carvajal, que será proxectada no festival o venres 23 de marzo ás 20:30 h. A cinta conta a trepidante historia deste subversivo e polifacético artista, responsable da liberación de centos de valas publicitarias, actividade que lle valeu o nome de Ladrón de Valas ou Robin Hood do Madison Avenue e que no seu país está considerado como crime en segundo grado e violación constitucional.

Considero que unha obra é un éxito cando non vou ao cárcere, explica con ironía o artista. Ron English piratea, transforma e subverte as valas publicitarias das grandes compañías para revelar o verdadeiro significado que se oculta tralas mensaxes propagandísticas. Segundo o propio English, son as persoas e non as grandes multinacionais as que merecen ter liberdade de expresión.

Mundialmente coñecido por ser unha das figuras seminais da cultura jamming e pai do Agit-Pop, Ron English exhibiu a súa obra en galerías e museos de todo o mundo, como o Museo de Arte Contemporánea de Paris ou o Whitney Museum de Nova York. Agora tamén e durante os días do festival poderemos ver nas rúas da cidade fronteriza unha pequena exposición creada en exclusiva por English para Play-Doc. Esta exposición consistirá nunha serie de valas situadas en lugares estratéxicos do casco histórico de Tui.

A prolífica obra deste artista de New Yersei, abarca desde a fotografía, á pintura neo-surrealista, pasando pola música, o street art e a arte-activismo. Nela explora o alcance e poder da arraigada simboloxía norteamericana para desbaratala e utilizala como metáfora social e incisiva crítica política. Nenos que fuman coma os vaqueiros dunha coñecida marca de cigarros, obesas mascotas das casas de comida rápida e revisións de pinturas de Van Gogh, Andy Warhol e Picasso, son as obras máis coñecidas de English.

Tanto English como Carvajal, estarán presentes no festival para presentar tanto a película como a exposición ao público de Play-Doc.