O FESTIVAL DE CURTAMETRAXES DE BUEU ARRANCA CUNHA CINTA GALEGA E CATRO INTERNACIONAIS

5 / 09 / 2011

A cuarta edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu dará comezo hoxe luns, 5 de setembro, coa proxección das primeiras cinco producións do total de 25 que se exhibirán ao longo da semana. Os pases do certame organizado pola Concellería de Cultura comezan ás 21.30 horas no Centro Social do Mar de Bueu (Pontevedra), con entrada de balde.

Dúas cintas belgas terán o seu oco na primeira sesión do FICBUEU2011. Son ‘Le maillot de Cristiano’ (2011), unha comedia de Vincent Bruno protagonizada por dous cativos que soñan con mercar a camiseta do seu ídolo, e ‘Tabu’ (2008), unha viaxe na busca das raíces e do amor codirixida por Vincent Coen e Jean-Julien Collette. Dáse a casualidade de que Collette, belga afincado en España, concursa por terceira vez no festival, xa que resultara seleccionado nas dúas primeiras edicións, nunha ocasión incluso con dúas cintas, así que esta será a cuarta curtametraxe súa que se proxecte en Bueu.

O público que se achegue mañá luns ata o Centro Social do Mar terá a oportunidade de visionar tamén unha das dúas curtas galegas que participan no FICBUEU2011. Trátase de ‘Dúas letras’ (2011), unha cinta de Eloy Varela coprotagonizada pola escritora Fina Casalderrey e parte da súa familia. Proxectaranse ademais ‘Le Piano’ (Armenia/Francia, 2011), de Lévon Minasiah, onde este instrumento musical é o fío condutor da historia, e ‘I don’t feel like dancing’ (Alemaña, 2008), unha historia ambientada en zona de conflito dos realizadores Joachim Dollhopf e Evi Goldbrunner, que ademais foron seleccionados para participar cunha segunda curta nesta cuarta edición do festival.

As sesións continúan o martes 6 de setembro con ‘Silent River’ (Alemaña/Romanía, 2011), de Anca Miruna Lazarescu; ‘Stripburguer’ (Eslovenia, 2010), de Boris Dolenc; ‘Khorosoho’ (España, 2010), de Miguel Ángel Jiménez; ‘De que se ríen las hienas’ (Galicia, 2011), de Javier Veiga, e ‘Wie immer’ (Alemaña, 2010), dirixida por Zubin Sethna. Mércores, xoves e venres tamén haberá proxeccións ás 21.30 horas, e o sábado o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu pecharase cunha gran gala de clausura.

Categoría: Noticias
Etiquetas: