ESTE DOMINGO EN Ó FÍO DO RETRATO: ANTONINA, A VONTADE DE INTEGRACIÓN

2 / 09 / 2011

Este domingo TVG emite unha nova entrega de Ó Fío do retrato, que achéganos ata Cangas de Foz para falar con Antonina Semedo. Di Manuel  Forcadela que o vento de Cabo Verde é un vento emigrante que chega máis alá de Burela. Mais Antonina ficou en Burela; para que ir máis lonxe se alí estaba o amor e o traballo. Ese foi o lugar que a acolleu, o espazo onde puido asentarse, con auga para a herba e herba para as cabras, con xente que a aceptou tal como é, sen lle roubar un só átomo da súa identidade. Por iso Antonina, a pesar das súas tarefas, sempre en traballos humildes de emigrante, a coidar enfermos, a limpar, a recoller algas ou no campo, nunca deixou de cantar, porque ela ten por dentro o vento de Cabo Verde, ese vento de morna, ese vento de ritmos e de fado.

As voces de Cabo Verde habitan tamén en Galicia, outro país de saudade. Chámanse Batuka Tabanka e son voces de raíz, impregnadas de terra, voces como plantas arrincadas que levan dentro o desarraigo, mais tamén a sabedoría de centos de xeracións que cantaron antes. Batuka Tabanka, dúas palabras máxicas que xa son en si mesmas un manifesto e unha proclama.

Debémosche Antonina non só a túa viaxe desde tan lonxe, e o teu esforzo de anos, senón tamén ese vento de Cabo Verde que ti trouxeches para nós como o mellor dos agasallos. Que siga a soar o vento nas voces de Antonina e Batuka Tabanka. 

Categoría: Noticias
Etiquetas: