O Festival de Cine Internacional de Ourense presenta as películas que formarán parte da Competición Oficial da súa décimo novena edición. Trátase de 10 filmes nos que participan un total de 15 países diferentes.

Esta selección permitiralle ao espectador botar unha ollada ao emerxente cinema latinoamericano, que este ano conta con catro representantes -La vida después, La madre del cordero, A história da eternidade, El cerrajero-, ou gozar de obras premiadas noutros festivais internacionais como o de Karlovy Vary, Washington DC International Film Festival, Manhein-Heidelberg International Film Festival, Festival de Málaga ou Wine Country Film Festival.

 

No tocante aos xéneros, estamos ante unha edición cun gran predominio do drama e a temática social aínda que haberá cabida para algunhas pinceladas de comedia como as que aportarán Toastmaster ou Kebab i horoskop. Tamén se verán longametraxes de vellos coñecidos do festival, como Simindis kundzuli, do director George Ovashvili -que xa se fixo co Premio do Xurado Universitario no 2010 co seu filme Gagma Napiri- ou Amor Hakkar, que formou parte da Competición Oficial do mesmo ano con Quelques jours de répit e que esta vez nos visita con La preuve.

 

A relación das longametraxes que loitarán polas Calpurnias no 19OUFF é a seguinte:

 

A história da eternidade | Camilo Cavalcante | Brasil 

Nunha pequena aldea interior, tres historias de amor e desexo revolucionan a paisaxe afectiva dos seus habitantes. Personaxes dun mundo romanesco, no cal os seus conceptos da vida están limitados, dun lado polos instintos humanos, do outro por un destino cego e fatalista.

 

De nieuwe wereld | Jaap van Heusden | Holanda 

Un encontro casual entre unha limpadora holandesa e un solicitante de asilo de África leva a unha relación inesperada e a dez días extraordinarios.

 

El cerrajero | Natalia Smirnoff | Arxentina 

Sebastián é un cerralleiro de 33 anos que non cre nas relacións exclusivas. Mónica, a súa parella máis estable dos últimos cinco meses, queda embarazada e é moi probable que el sexa o pai. Ao mesmo tempo, Sebastián comeza a experimentar algo inesperado: ten visións sobre as persoas que o chaman para que arranxe as súas portas.

 

Kebab i horoskop | Grzegorz Jaroszuk | Polonia

Un grupo de inadaptados que traballa nunha tenda de alfombras encontra a oportunidade de dar un xiro ás súas vidas coa axuda de dous expertos en mercadotecnia: un ex dependente dun kebab e o ex autor de horóscopos nunha revista de natureza.

La madre del cordero | Rosario Espinosa Godoy – Enrique Farías Bargüena | Chile 

Cristina, unha muller de 49 anos, estivo toda a súa vida coidando a súa nai Carmen. Atópase con Sandra, unha ex compañeira que, libre e sen prexuízos, mostraralle á súa amiga outras formas de vivir.

 

La preuve | Amor Hakkar | Alxeria-Francia-Emiratos Árabes 

Ali, un condutor de taxi en Alxeria, e a súa dona, Houria, non poden ter fillos. Cando el vai a outra cidade para probar a súa fertilidade, é acusado por Fátima, unha muller embarazada, de ser o pai do seu bebé.

 

La vida después | David Pablos | México 

Samuel e Rodrigo son dous irmáns adolescentes que viven nos arrabaldes dunha pequena cidade coa súa nai enferma dun trastorno mental. Un día ela desaparece de xeito estraño, deixando unha nota na mesa.

 

Ohne dich | Alexandre Powelz | Alemaña 

Tres historias conectadas vagamente. A relación entre a parteira Rosa e o terapeuta Marcel queda marcada por un cancro. Vagando sen rumbo pola vida, a camareira Motte horrorízase ao descubrir que está embarazada. Por último, a limpadora Layla négase a aceptar que o seu ex a deixou por unha muller máis nova.

 

Simindis kundzuli | George Ovashvili | Xeorxia-Casaquistán-Alemaña-Francia-República Checa 

O río Inguri forma unha fronteira natural que divide Xeorxia de Abjasia. Unha das inundacións de primavera formou unha pequena illa no medio do río, como se estivese feita para o cultivo de millo. Cando menos, esta é a crenza dun vello labrego cuxo rostro queimado polo sol semella a paisaxe que pisou durante decenas de anos.

 

Toastmaster. El maestro del brindis | Eric Boadella | España-EUA 

Para o solitario tío Kapriel, a visita do seu sobriño e único parente significa a última oportunidade de legar a tradición familiar do “mestre do brinde”. Kapriel ten claros os plans para o seu hóspede, mais Alek ten os seus propios plans para a fin de semana e non é aprender ningunha vella tradición. Alek quere remover o pasado e facer unha película sobre quen, segundo el, foi o home máis perigoso da mafia armenia, o seu tío Kapriel. Un pasado, verdadeiro ou non, que pode poñer en perigo moito máis que a tradición.

 

Máis información en www.ouff.org