Mañá mércores, 18 de marzo, ás 20h terá lugar a inauguración oficial de Play-Doc, o V Festival Internacional de Documentais de Tui. Ao longo de cinco días Tui converterase na capital do “cine do real” coa proxección de 31 documentais da máis variada procedencia. A sede do Festival está na Área Panorámica. A inauguración oficial correrá a cargo do Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Jose Fernández Iglesias, do Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, o deputado provincial e Alcalde do Rosal, Jesús Mª Fernández Portela, e os directores de Play-Doc Sara García e Ángel Sánchez, xunto a outras autoridades.

 

 

De forma paralela as autoridades visitarán a exposición de Jamshid Aminfar que expón na Sala Municipal. Este é precisamente o protagonista do primeiro documental a proxectar “Cianose”. En Tui estará a súa directora, a iraniana Rokhsareh Ghaemmaghami, para presentar o seu traballo. No mesmo narra a historia de Jamshid Aminfar, un home que pese as súas limitacións está disposto a lograr o seu obxectivo: pintar. A súa obra pódese ver en Tui até o domingo na Sala Municipal na Área Panorámica, na que é a súa primeira exposición internacional. Este documental compite na sección oficial de curtametraxes.

 

Esta será a primeira das películas que se poderán ver na función das 21h. Na mesma sesión o público poderá contemplar o primeiro documental en exhibición do polaco Bogdan Dziworski, a quen Play-Doc dedica este ano unha retrospectiva. O propio director presentará “O Biatlón”, unha curtametraxe de doce minutos de gran beleza filmica na que retrata o risco do esquí.

 

O amor é un dos temas recorrentes na edición deste ano de Play-Doc coma poderemos comprobar en “Amores Cegos” que se proxectará ás 22.30h. Este documental de Juraj Lehotský compite na sección oficial de longametraxes. No mesmo plásmase con fermosura a relación de amor e de supervivencia das persoas invidentes.