O CLÚSTER AUDIOVISUAL GALEGO LANZA A COTA EMPRENDEDOR PARA APOIAR ÁS EMPRESAS DE NOVA CREACIÓN

19 / 09 / 2012

O Clúster Audiovisual Galego (CLAG) vén de crear a “Cota Emprendedor”, unha nova modalidade de socio que ten como obxectivo facilitarlles o acceso ao Clúster ás empresas de nova creación do sector audiovisual galego. Dado o actual contexto de crise económica, o apoio aos emprendedores considérase fundamental para conseguir dinamizar o tecido industrial español.

Nun país no que as pemes representan máis do 99% da empresas emprazadas en España, desde o Clúster Audiovisual Galego considérase que a capacidade emprendedora resulta imprescindible para conseguir unha saída real da crise económica na que estamos inmersos. De aí, a necesidade de conseguir a implicación de tódolos axentes en apoiar aos emprendedores e ás novas empresas que xorden nun escenario de especiais dificultades, e en particular, ao sector audiovisual.

Cota Emprendedor

O Clúster Audiovisual Galego vén de crear a “Cota Emprendedor”, unha nova modalidade de socio que lles permitirá ás empresas de nova creación do sector audiovisual galego asociarse ao Clúster nunhas condicións económicas vantaxosas durante os dous primeiros anos de pertenza ao CLAG. Todo isto, conscientes das dificultades que comporta para todas elas o actual contexto de crise que, de maneira especial, está a incidir no sector audiovisual do noso país.

Os requisitos para acollerse a esta nova modalidade de socio e poder formar parte do CLAG son: que a empresa teña o seu domicilio fiscal en Galicia e que a data de constitución da empresa tivera lugar como máximo nos dous anos anteriores á solicitude de adhesión ao CLAG.

As empresas que se acollan á “Cota Emprendedor” aboarán unha primeira cota trimestral de tan só 30 euros, e nas seguintes cotas trimestrais sufrirán un incremento gradual ata pagar, a partir do segundo ano, a cota xeral e máis a cota de inscrición correspondentes.

Máis información na web do Clúster (www.clag.es) ou enviando un correo electrónico ao enderezo cluster@clag.es.

Categoría: Noticias
Etiquetas: