ÁBRESE O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS ÓS PREMIOS MM’03
O prazo de presentación de candidaturas remata o 27 de febreiro Dende o vindeiro luns día 2 de febreiro, e ata o 27 do mesmo mes, está aberto o prazo de presentación de candidaturas nas distintas modalidades dos “Premios Mestre Mateo 03” que organiza un ano máis a Academia Galega do Audiovisual. Tódolos profesionais do sector, sexan ou non membros da Academia, teñen así a posibilidade de propoñer aqueles traballos que, ó seu xuízo, merecen ser galardoados co Premio que corresponda á súa modalidade, seguindo así o establecido nas Bases da Convocatoria que se poden solicitar chamando ó teléfono da A.G.A. 981 22 77 01, na Coruña. Tamén se poden solicitar por mail, no enderezo info@academiagalegadoaudiovisual.gal.
150 PROFESIONAIS E 40 PRODUCTORAS PRESÉNTANSE ÓS PREMIOS MM’O3
A Academia Galega do Audiovisual abríu xa os prazos de votación Comeza xa o proceso de selección do xurado e de votación entre os socios da Academia Galega do Audiovisual, para elixi-los que serán galardonados nos “Premios Mestre Mateo 03”, que este ano recibe candidaturas de entidades e institucións que ata agora, non tiñan participado. Un total de 40 productoras e arredor de 150 profesionais do sector audiovisual, optan a recolle-la estatuíña que se entregará na “Gala dos Premios Mestre Mateo 03” que se celebrará a finais de maio ou comezos de xuño, anque antes, poderán celebra-lo feito de seren nominados todos eles, na Festa dos Nominados que se celebrará o 14 de maio.