ABERTA CONVOCATORIA DOS PREMIOS MESTRE MATEO
INFORMAMOS QUE DENDE HOXE XOVES, DÍA 3 DE NOVEMBRO, E ATA O VENRES 23 DE DECEMBRO DE 2005, QUEDA ABERTA A CONVOCATORIA DOS PREMIOS DA ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL "MESTRE MATEO 2005". PARA LER BASES E FOLLA DE INSCRICIÓN PREME AQUI.
O ANO DA CARRACHA FOI A LONGAMETRAXE QUE SUMOU MÁIS GALARDÓNS
O ano da Garrapata foi a película gañadora dos Premios Mestre Mateo 04 que se celebrou onte, cun cheo total no Teatro Sala de Concertos de Caixanova en Vigo. Nada menos que oito galardóns doutras tantas categorías establecidas nas bases, fixeron subir ó escenario en distintas ocasións ó seu director, Jorge Coira, que recolleu o premio á Mellor Longametraxe e á Mellor Dirección. A Mellor Dirección de Producción, Xavier Eirís; a Mellor Maquillaxe e Perruquería, Raquel Fidalgo e María Barreiro; a Mellor Montaxe, Guillermo Represa, a Mellor Interpretación Masculina Protagonista, Javier Veiga; a Mellor Interpretación Masculina Secundaria, Luís Zahera, e a Mellor Interpretación Femininia Secundaria, Camila Bosse, foron as categorías premiadas nesta longametraxe, cuxa páxina web, garrapatalapelicula.com creada pola empresa Interacción CIM, recolleu tamén o Premio á Mellor Producción Interactiva. A película está producida por Filmanova.
UN MUSICAL DE CABARET CONDUCIDO POR MONCHO BORRAJO, MARÍA CASTRO, SONIA LÓPEZ E MONTI CASTIÑEIRAS CENTRAN A GALA DOS PREMIOS MESTRE MATEO 04
Moncho Borrajo, Sonia López, María Castro e Monti Castiñeiras, serán os profesionais que conduzan o “Musical de cabaret” que constitúe o espectáculo da Gala de entrega dos Premios Mestre Mateo 04, que ten lugar o domingo 20 de marzo ás 22,30 da noite, no Teatro-Sala de Concertos de Caixanova en Vigo, antigo García Barbón, e que será retransmitida en directo pola TVG.
OS NOMINADOS ÓS PREMIOS MESTRE MATEO 04 CELEBRAN MAÑÁ VENRES A SÚA FESTA EN VIGO
Mañá venres día 4 de marzo, tódolos nominados ós Premios Mestre Mateo 04 teñen a súa festa, organizada pola Academia Galega do Audiovisual, ás 20,30 horas da tarde, na Sala Sete Mares de Vigo, na Travesía de Santiago nº 2. Á festa acudirán, ademais dos nominados e os finalistas dos Premios, numerosas persoalidades do mundo do audiovisual galego, empresas productoras, televisións e profesionais do sector. O concello de Vigo ofrece un viño e uns pinchos, como xentileza por ser nesa cidade onde teña lugar, o 20 de marzo, a entrega dos Premios. Lembramos que foron un total de 33 as productoras que presentaron distintos traballos (89 produccións en total) ós Premios, e máis de 100 os profesionais presentados e nominados.
XA HAI FINALISTAS PARA OS PREMIOS MESTRE MATEO 04
Os socios da Academia Galega do Audiovisual nomearon xa ós finalistas para os Premios Mestre Mateo 04 que optarán a cada un dos premios das 25 categorías establecidas. Así o deron a coñecer hoxe na Rolda de Prensa celebrada en Vigo os membros da directiva da Academia, que estiveron acompañados polo director xeral de Comunicación Social e Audiovisual, Enrique Murga, o director da TVG Anxo Quintanilla, o director de Programas da TVG Carlos Carballo, e o avogado da Academia, Miguel Lorenzo. Por parte da mesma estiveron presentes o seu presidente Manolo Gómez, a xerente Mamen Quintas, e as membros da xunta directiva Marta Villar e Isabel Blanco. Ó acto asistíu tamén a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, tendo en conta que será nesta cidade onde se celebre a Gala de entrega dos Premios, o vindeiro día 20 de marzo.
A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL CELEBRA O VENRES 4 DE MARZO A FESTA DOS NOMINADOS
A Academia Galega do Audiovisual dará a coñecer ós 4 finalistas de cada unha das 25 categorías establecidas nas bases dos Premios Mestre Mateo 04 a vindeira semana, o mércores día 2 de marzo, ás 12 do mediodía, na Rolda de Prensa que se celebrará en Vigo. Nela, darase lectura da Acta levantada polo Notario Ramón González Gómez, a través dos participantes na Rolda: Manolo Gómez, presidente da Academia, Corina Porro, Aldaldesa de Vigo, Nacho Varela, xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Anxo Quintanilla, director da TVG, Carlos Carballo, director de Programas da TVG, un representante de Caixanova, Marta Vilar, Isabel Blanco e Miguel Anxo Ferrnández, membros da Xunta Directiva da Academia; Mamen Quintas, xerente da Academia, e Miguel Lorenzo, avogado da mesma.
A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL DARÁ A COÑECE-LOS FINALISTAS ÓS MM 04 A VINDEIRA SEMANA EN ROLDA DE PRENSA
A Academia Galega do Audiovisual dará a coñecer ós 4 finalistas de cada unha das 25 categorías establecidas nas bases dos Premios Mestre Mateo 04 a vindeira semana, botando man da máis rigurosa transparencia. Será en rolda de prensa onde o propio Notario vaia abrindo os sobres lacrados que conteñen os nomes dos traballos ou dos profesionais nominados de cada categoría, de tal xeito que ninguén, nin a Xunta Directiva da Academia nin ningún estamento implicado no proceso de votación, saberá os resultados antes que os propios medios de comunicación.
Xa podes descargarte os proxectos presentados os PMM04
A través do menú servicios terás acceso a tódolos proxectos de publicidade e multmimedia presentados os Premios Mestre Mateo 2004.
A GALA DE ENTREGA DOS PREMIOS MESTRE MATEO SERÁ O 20 DE MARZO EN VIGO
A Gala de Entrega dos Premios MM04 apraza a súa celebración para o vindeiro 20 de marzo. O lugar que este ano acolle o evento, é o Teatro de Caixanova en Vigo –García Barbón-, e a Academia Galega do Audiovisual está xa traballando na súa organización técnica e artística.
33 PRODUCTORAS PRESENTAN 89 PRODUCCIÓNS ÓS PREMIOS MESTRE MATEO 04
Un total de 33 empresas productoras –incluíndo a TVG- presentan un total de 89 produccións ás 25 categorías en que se distribúen os “Premios Mestre Mateo 04”, que este ano celebrará a súa Gala de Entrega o 13 de marzo próximo. A Academia Galega do Audiovisual está xa en pleno proceso de elección de Nominados, tendo este ano como novidade dentro das Bases que rexen os MM’04 a carencia de Xurado, é dicir, que son os propios socios da Academia quen elixen tanto ós Nominados na primeira fase, como ós gañadores na derradeira fase do proceso.