A compañía Bambú Producciones faise cun novo galardón. Nesta ocasión, o recoñecemento vai máis alá dunha creación en concreto, e esta produtora obtén o Premio da Cultura Galega 2013 na categoría Audiovisual, pola súa excelencia creativa e difusión cultural.  Á fronte de Bambú están os galegos Ramón Campos e Teresa Fernández-Valdés.

Bambú Producciones é unha das grandes produtoras galegas especialista na ficción televisiva e con enorme éxito no ámbito español. As súas producións emítense na maioría das canles xeneralistas con altas cotas de audiencia e están a ter unha gran acollida no mercado internacional.  Entre as súas creacións figuran as series “Gran Reserva”, “Imperium”, “Hispania”, “Gran Hotel” ou “Galerías Velvet”, que se emitirá a comezos de ano en Antena 3. A pesar de estar asentada en Madrid desde hai algúns anos, a súa aposta segue a ser a promoción dos profesionais galegos.
 
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2013, presidido polo consellerio de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, determinou onte, luns, durante unha reunión na Cidade da Cultura en Santiago, os oito premiados que recibirán estes galardóns convocados pola Xunta de Galicia nas súas distintas modalidades, e que recoñecen o traballo de persoas e institucións nos diversos ámbitos da creación, conservación e difusión da cultura galega.
 
Premios da Cultura Galega 2013
 
En relación aos galardóns, nesta edición, ademais de Bambú Producciones no apartado audiovisual, resultaron distinguidos Luz Pozo Garza na categoría de Letras; a Fundación Granell en Artes Plásticas; a Asociación Abrente-Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia nas Artes Escénicas; o Castro de Viladonga en Patrimonio Cultural; o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires en Proxección Exterior; Juan Durán en Música, e a Asociación PuntoGal na categoría de Lingua, categoría que se incorporou este ano por vez primeira.