A terceira SEMUA encherá de músicas do audiovisual A Coruña dende o 21 ata o 26 de outubro

28 / 09 / 2018

A Orquesta Sinfónica de Galicia ofrecerá un gran concerto o venres 26 de outubro no Teatro Colón no que interpretará algunha das principais partituras para cine e televisión de Nieto, referente no Estado, e máis dalgúns destacados compositores galegos

A partir do domingo 21 de outubro haberá concertos didáctios, obradoiros e masterclass. A maioría deles, de acceso gratuíto

A Coruña, 28 de setembro de 2018.—A terceira edición da SEMUA encherá A Coruña de músicas do audiovisual dende o 21 ata o 26 de outubro. Este singular festival singular, dirixido por Nani García e organizado pola Academia Galega do Audiovisual co apoio do Concello da Coruña, da Orquesta Sinfonica de Galicia e da Banda Municipal de Música da Coruña, dá protagonismo ás músicas para cine, televisión e outros medios audiovisuais, difundindo as mellores composicións en cada xénero e ampliando a formación de profesionais e persoas interesadas en eidos como composición, produción e interpretación dun tipo de música que todo o mundo escoita, pero que non sempre consegue a atención directa do ouvinte.

A semana adicará este ano unha especial atención á figura de José Nieto, un referente como compositor que conta con máis de cen partituras para cine e tv e que traballou cos máis prestixiosos cineastas españois, como Manuel Gutiérrez Aragón, Vicente Aranda, Imanol Uribe ou Javier Villaverde, entre outros. A Orquesta Sinfónica de Galicia, dirixida por Andrés Valero-Castells, ofrecerá un gran concerto no Teatro Colón de A Coruña o venres 26 de Outubro no que interpretará algunhas das principais partituras de José Nieto así como temas de compositores galegos de renome como Xavi Font, Sergio Moure, Manu Conde, Manu Riveiro ou o propio Nani García. As entradas custan 10 euros e están á venda en Ticketea.

Como novidade, nesta terceira edición da SEMUA abriremos a programación o domingo 21 de outubro cun Concerto Didáctico para público familiar conducido pola Banda Municipal de Música de A Coruña no Teatro Colón, no que se interpretarán temas orientados a público infantil. Este mesmo concertó repetirase dous días máis para escolares de diferentes centros educativos.

Outra pata fundamental da Semana das Músicas do Audiovisual será o obradoiro sobre A Lei de Propiedade Intelectual na contorna dixital actual que impartirá Darío Palomo e as masterclass sobre A Composición Musical para Videoxogos de Vicent Tobar, Plantillas na composición para audiovisual de Vanessa Garde e A Guitarra no Film Scoring de Lucas Suárez. A maioría das formacións son gratuítas, previa reserva de praza. Pódese consultar toda a información na páxina web da Academia.

Asimesmo, o CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe) acollerá dentro da programación da III SEMUA as primeiras proxeccións do ciclo A Ilusión é perfecta, dúas películas con banda sonora de José Nieto, A Aldea Maldita e Finisterre, que serán presentadadas e comentadas polo seu autor.

Descargas: Cartaz | Programa | Foto de José Nieto

Categoría: Noticias
Etiquetas: