O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) remata mañá, mércores 10 de febreiro, e o xoves 11 de febreiro o ciclo dedicado aos cineastas arxentinos Juan Villegas e Celina Murga, coa proxección da longametraxe de Celina Murga Una semana solos (2008).

Celina Murga conta cunha próspera carreira como docente e guionista. A súa primeira longametraxe, Ana y los otros (2003), recibe gran cantidade de boas críticas e premios. A segunda, Una semana solos (2008) estreouse no BAFICI e foi obxecto de distincións internacionais. Esta longrametraxe é anterior á colaboración de Celina Murga con Scorsese. A obra está escrita con Juan Villegas e relata os sucesos que lle acontecen a un grupo de rapaces que quedan unha semana nunha casa nun country, un barrio exclusivo e privado, o único mundo que coñecen.

Coñecido redactor da excelente publicación especializada arxentina El amante, Juan Villegas é autor de dúas longametraxes e varias curtas. O gusto pola comedia agridoce chea de potentes referencias lévao a dirixir Sábado (2001), que obtén varios premios. Ao ano seguinte codirixe xunto a outra protagonista deste ciclo, Celina Murga, a curta Una tarde feliz (2002). Los suicidas (2005), adaptación da novela homónima de Antonio Di Benedetto, certifica o seu talento. O ciclo dedicado a estes dous directores arxentinos xoves remata o vindeiro 11 de febreiro.