Dentro do afán da Academia de promocionar e difundir o audiovisual galego máis aló das nosas fronteiras , os Mestre Mateo chegan a Nova Iork. A gañadora na categoría de mellor longametraxe desta XIII edición, «Os fenómenos», producida por ZircoZine, Maruxiña Film Company e TVG, proxectarase mañá venres, 19 de xuño, na CUNY- The City University of New York dentro do Galician Cinema Festival.
Tralo pase, o seu produtor, Rubén Zarauza, iniciará unha rolda de preguntas e respostas co público asistente, que nesta ocasión estará formado por medios de comunicación e profesionais da industria cinematográfica americana. Unha vez finalizado, o acto continuará no Instituto Cervantes ás 19h coa degustación de produtos galegos.
Esta é a primeira edición do Galician Cinema Festival que pretende ser un escaparate na cidade de Nova Iork da industria cinematográfica e gastronómica de Galicia e deste xeito conectar ambas rexións do Atlántico, non só para un intercambio cultural e gastronómico senón tamén para impulsar relacións comerciais nestes eidos.
No Galician Cinema Festival colabora a Academia Galega do Audiovisual e está patrocinado pola AGADIC – Xunta de Galicia, Galicia Calidade, o Instituto Cervantes NYC e o Graduate Center – Cuny e polas marcas Viña Costeira, Estrella Galicia, Secretos de Galicia, Grupo Ingapan, Aceites Abril, Luis Escurís Batalla e Adega Eidos.
Para máis información tamén podedes consultar na páxina www.galiciancinemafestival.gal
A longa gañadora nos XIII Premios Mestre Mateo «Os Fenómenos» proxéctase en Nova Iork
Categoría: Novas
Etiquetas: