Representantes da Academia Galega do Audiovisual asistiron a noite pasada en Barcelona á II Gala dos Premios Gaudí de Cine co gallo da invitación da Academia Catalana do Cine. As academias galega e catalá traballan desde hai semanas nun intercambio de producións entre os Premios Gaudí e os Premios Mestre Mateo co obxectivo de potenciar a promoción e difusión do traballo dos profesionais e empresas audiovisuais de Galicia e Cataluña máis aló dos seus territorios.

O filme Tres días con la familia, dirixido por Mar Coll, foi o gran triunfador da gala, recibindo tres –Mellor película en lingua catalana, mellor dirección e mellor actriz protagonista para Nausicaa Bonnin- dos cinco premios aos que estaba nomeado.

Pola súa banda Las dos vidas de Andrés Rabadán, de Bonaventura Duvall, acaparou os tres galardóns aos que optaba, case acaparando todos os recoñecementos de interpretación. Clara Segura foi escollida Mellor actriz secundaria, mentres que Àlex Brendemühl levouse o premio ao Mellor protagonista masculino e Andrés Herrera o de Mellor actor secundario.

Os filmes Trash, The Frost e Xtrems, que foran os que recibiran máis nominacións nos Premios, non viron cumpridas as expectativas iniciais.