SETE ENCONTROS ACHEGAN OS NOMINADOS AOS MESTRE MATEO 2011 AO ALUMNADO DO SECTOR

22 / 03 / 2012

Hoxe tivo lugar en Lugo o primeiro dos sete encontros que achegarán ao alumnado das principais escolas de formación audiovisual de Galicia as experiencias e o coñecemento de preto de dúas ducias de nominados aos Premios Mestre Mateo 2011. Nos coloquios, que se estenderán ata o vindeiro mércores día 28, participarán profesionais de disciplinas diversas, dende a montaxe ou a dirección de fotografía ata a dirección e a produción. Estas xuntanzas buscan que os profesionais da industria conversen cos alumnos das escolas vencelladas co sector audiovisual e con outros profesionais sobre o seu traballo, tanto polos proxectos que resultaron nominados, como sobre a súa profesión en xeral.

O primeiro encontro celebrouse esta mañá no Salón de Actos da Deputación de Lugo e centrouse nas curtametraxes. Contou coa asistencia de Sara Horta, produtora executiva de Adivina quien viene a comer mañana, que falou sobre a relación que existe ou pode existir entre a produción cinematográfica e as entidades privadas; Sonia Méndez, guionista, directora e produtora de As damas negras, que defendeu a visión máis “persoal” da creación audiovisual; Xacio Rodríguez Baño, guionista, director e produtor de Estereoscopía, que definiu a curta como unha busca persoal, “como se lles presentase o meu eu pasado ao meu eu presente”; e Iria Ares, directora de La increíble historia de Macareno y la puta milagrosa, que lle contou a máis dun cento de alumnos e alumnas da Fundación TIC presentes que o proxecto comezou como un traballo de final de carreira e acabou sendo “unha cousa enorme”.

Mañá venres, 23 de marzo, ás 11h00, será a Escola de Imaxe e Son O Raio Verde, de Santiago, o centro que acolla unha mesa redonda centrada na producción, á que asistirán Cora Peña, responsable da logametraxe documental Apash, os de fóra; Luís Usón, da curta de animación El club del bromista; Borja Pena, da longametraxe Secuestrados; e Amalia Mato, da longametraxe para televisión Reliquias.

Dúas escolas de Vigo acollerán senllos encontros o luns 26 de marzo. Os dous, ás 11h. O coloquio que terá lugar no IES Audiovisual de Vigo centrarase e contará coa presenza Fernanda del Nido, responsable da longametraxe documental Tralas luces; J.L. González González, da curta de animación A banda (The Band); e Adrián Reza, do programa de televisión Galegos no mundo. Á mesma hora, no Escola de Imaxe e Son de Vigo e a Escuela Superior de Artes Cinematográficas de Galicia falarán das labores de dirección Simón Casal de Miguel, da longametraxe para televisión Eduardo Barreiros, O Henry Ford galego; Abelardo Rendo, da longa documental MPH Mann; e Carlos Amil, da longametraxe de ficción A casa da luz.

Dous encontros haberá tamén o martes 27 de marzo. O primeiro será ás 11h, na Escola de Imaxe e Son Someso de A Coruña e tratará sobre montaxe audiovisual. Contará coa asistencia de Marisol Torreiro, Pablo Paz y Pablo Muñoz, da serie Matalobos; Sandra Sánchez, da longametraxe de ficción Doentes e máis do documental Tralas Luces; e Manu Mayo, de Galegos no mundo. Xa pola tarde, ás 17h, o IES Xelmírez de Santiago acollerá unha mesa redonda sobre dirección de fotografía na que participarán Suso Bello, de Doentes; Bertitxi, do programa de televisión Era Visto!; e Pablo Ces, do documental As silenciadas.

Finalmente, o mércores 28 de marzo, ás 11h, unha conversa sobre produción porá punto e final no Centro de Formación Profesional A Farixa (Ourense) aos Encontros Mestre Mateo 2011. Contará coa asistencia de Ruperto García, de Unha terra chamada calidade; Ángel Seoane, de Era visto!; e de Fran Naveira, da longa documental Lois pereiro, seguindo os sucos.

 

Etiquetas: