A Coruña, 17 de setembro. – Os Premios Mestre Mateo do Audiovisual Galego, fundacionalmente son uns galardóns cun obxectivo claro: visibilizar, promocionar e dar recoñecemento público a producións e profesionais do sector en Galicia, un sector que medrou, acadando cotas de calidade indiscutibles, e segue medrando e reclamando o seu lugar no panorama nacional e internacional.
Buscamos conxugar a igualdade de oportunidades ante estes premios de todas as persoas que traballan no sector audiovisual, a adecuación á realidade sempre cambiante, e a necesidade de ofrecer aos membros da Academia, e ao público en xeral, unha gala que sexa un espello atractivo da realidade do sector audiovisual galego. E sempre tendo en conta que o facemos coas ferramentas que nos dan os estatutos e dentro dos procesos democráticos que se esixen.
Por iso, a actual directiva, recollendo inquedanzas propias e de moitas persoas académicas e non académicas, quere seguir evoluindo e facendo as modificacións necesarias nestas liñas. Para isto levamos desde o inicio deste mandato traballando no propósito de conseguir unhas bases e uns galardóns que cumplan cos requisitos de igualdade, de adecuación, de compromiso co sector e coa lingua. En definitiva, o máis xustos posible. A redacción das bases dos Mestre Mateo é competencia das directivas da Academia, pero por suposto queremos contar coa visión das asociadas.
Para iso convocamos en setembro de 2025 unha comisión de dez académicos e académicas voluntarias, que responderon á nosa chamada feita entre todas as asociadas, de diversas profesións, perfís e idades, para que creasen un borrador duns futuros Mestre Mateo “ideais”sobre o papel. Durante nove meses esa comisión reuniuse, traballou arreo, debatiu incansablemente e chegou a puntos de encontro nas diferencias de opinión. Estamos moi agradecidas pola súa xenerosidade e polo seu compromiso e esforzo. O resultado foi un borrador de bases que constitúe para esta directiva unha inspiración e un obxectivo, un borrador con máis de 50 categorías, que melloran a representatividade das áreas profesionais e a diferenciación de labores entre profesionais do cinema, de series e de programas televisivos.
Son cambios sustanciais de concepto. Na práctica e co formato actual, é impensable para nós unha Gala dos Mestre Mateo, tal e como está concebida hoxe en día, con semellante número de premios. Implantar todos estas novidades é un cambio estructural moi profundo, que leva tempo e requerirá consultas. Para a edición do XXV Aniversario decidimos facer algunhas modificacións, como primeiro paso deste modelo.
O argumentario destes cambios é o seguinte:
- Galicia é un territorio con lingua propia, unha lingua que hai que protexer e mimar. O Audiovisual Galego é o producido por profesionais galegos e galegas, con orzamentos galegos e equipos galegos, en galego ou en castelán. Pero non debemos nin queremos esquecer que a Academia (como calquera institución ao xeito) ten que prestar especial atención ás producións en lingua galega, que ademáis teñen un camiño moito máis difícil na súa distribución nacional e un acceso moito máis limitado á visibilidade. É por iso que (seguindo un modelo xa empregado, por exemplo, polos Premios Gaudí e Premios Goya) queremos dar máis espazo ás longas e series en lingua propia. Reservamos as categorías de Mellor Longametraxe e Mellor Serie para aquelas pezas na nosa propia lingua. Nestes tempos no que os modelos de coprodución medran exponencialmente, tomamos esta medida como precaución, pois queremos asegurar a visibilidade e promoción de películas en series en galego e abrimos unha categoría nova para todas aquelas pezas en lingua castelá ou calquera outra. A nosa única pretensión é que todo o mundo teña o seu espacio, e a nosa lingua o que lle corresponde.
- Pensamos que o uso da IA (do mesmo xeito que outras Academias e institucións están a facer) debe ser regulado, e os dereitos dos autores preservados. Adaptarse a este rápido proceso de implantación da IA e chegar a acordos é complicado, pero, cando menos, para protexer a excelencia da autoría e a creatividade humanas, decidimos incluir a declaración de uso. Admítese o uso “auxiliar” (como unha ferramenta máis) pero queda excluído o uso “significativo”, o xenerativo ou creativo, de xeito que non se permitirá a competición entre autoría humana e a Intelixencia Artificial Xenerativa. Sabemos que só en un primeiro paso, unha declaración de intencións. Este punto deberá ser revisado constantemente, segundo vaiamos tendo referencias e ferramentas de control.
- Consideramos que ata o de agora, nos premios Mestre Mateo había un desequilibrio cuantitativo entre categorías de cine e de televisión. Sendo unha Academia Audiovisual, non exclusivamente de cine, debemos incluir equitativamente aos profesionais e as produccions do medio televisivo (de aí a ampliación das categorías de Mellor Comunicador/a e de tipos de Programa).
- Os Premios Mestre Mateo reciben unha gran cantidade de inscricións de curtas. A separación entre curtas de imaxe real, de animación e documentais quere abrir as portas a estas producións e mesmo facilitar a competencia entre elas. A curta adoita ser a entrada no audiovisual de moitos profesionais, e queremos fomentala.
- A solicitude da calificación do ICAA responde a cuestións legais sobre a exhibición pública das pezas. Non será un requisito para a presentación das producións aos premios pero sí para poder incluila en Ciclos de exhibición.
- A desaparición do Mestre Mateo a Mellor Web Serie supón a despedida dunha categoría que foi moi importante para o medio durante moitos anos. Igual que nas curtas, as webseries permitían o acceso ao mundo profesional a moitas persoas. Lamentablemente, consideramos que hoxe en día, coa implantación das plataformas, é prácticamente imposible definir esta categoría con criterios que non sexan orzamentarios ou de produción. O que antes se definía como a emisión por internet queda diluido. Unha serie que se emita gratuitamente na plataforma de calquera canle de TV, sen emisión en aberto, podería ser considerada tamén web serie. Ante esta ambigüidade, con mágoa, eliminouse a categoría e pasarán a competir nas categorías de Series e Series en Lingua non galega.
- Esta directiva comparte a idea de que en varias categorías técnicas e artísticas están competindo cine e televisión dun xeito nada equitativo. Non é o mesmo en absoluto escribir un guión, a interpretación, a produción, a maquillaxe, a dirección, a montaxe (e outras tantas labores) para unha película que para unha serie (e mesmo programas). Queremos conseguir unha configuración máis xusta en todas estas categorías. Engadir todas elas nunha mesma edición é inviable técnica, orzamentaria e organizativamente. Por iso, dun xeito simbólico, comezamos escollendo, tras moito debate, a categoría de dirección, pero obviamente co propósito de extendelo ás que sexa preciso.
Xunta Directiva da Academia Galega do Audiovisual.

